Oitavos de final da Copa

Paseo do Celta en Valencia e empate in extremis do Dépor en Riazor

Os xogadores do Celta festexan un dos goles

Teno ben mellor o Celta que o Dépor para chegar aos cuartos da Copa. A equipa de Berizzo varreu o Valéncia en Mestalla (1-4), en tanto que o Dépor, que se viu amplamente superado na primeira metade en Riazor por un eficaz Alavés, negociou un empate a última hora que lle permite continuar vivo na competición.

Nas dúas primeiras chegadas do Celta ao marco de Jaume, gol. Mel nas filloas. O primeiro, de penalti, transformado no minuto 3 por Iago Aspas. O segundo, nunha acción de Bongonda, un disparo cruzado que tocou nun defensa antes de furar a baliza valencianista. Espléndido comezo e final do macht: o Valencia non está neste momento para nada e todo o seu pensamento está no caos institucional que vive -cun clamor nas bancadas para que Peter Lim, o magnate oriental dono do clube, faga as malas- e na cada día máis certa hipótese de ter que pelexar por non descender a Segunda División até o último partido do campionato.

 

Valencia CF: Jaume, Cancelo, Jiménez, Mario Suárez, Siqueira, Enzo Pérez (Carlos Soler, min.46), Medrán (Bakkali, min.59), Parejo, Santi Mina, Munir, Rodrigo (Mir, min.79).

RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja, Wass (Sisto, min.83), Pablo Hernández (Pape, min.78), Bongonda y Iago Aspas (Guidetti, min.71).

Goles: 0-1, min.3: Iago Aspas, de penalti; 0-2, min.14: Bongonda; 0-3, min.19: Wass; 1-3, min.58: Parejo, de penalti; 1-4, min.75: Guidetti.

Árbitro: Estrada Fernández, do comité catalán. Amonestou Medrán, Enzo Pérez, Siqueira, Muniain (Valencia); Sergio (Celta).

Campo: Mestalla.

 

Querer e non poder

En Riazor vivíronse dous partidos nun. O primeiro foi un quero e non podo da equipa galega. Longas posesións sen ningunha profundidade. O Alavés mostrou o que é, un combo serio en defensa e con non pouca capacidade ofensiva. Diso tivo noticias ben axiña o Dépor, que encaixou o 0-1 no minuto tres. Apartir daí a bola foi branca e azul, mais totalmente inocua para a portería vasca. O primeiro tempo acabou cun penalti un chisco parvo, Mosquera chegou un pouco tarde á marca e cometeu falta, e o 0-2 agoiraba unha pronta eliminación do Dépor da Copa.

Os primeiros 30 minutos da segunda parte foron máis ou menos o mesmo. Posesión sen profundidade. Produciuse, si, unha estrea longamente agardada polo público, a do fabrilista Óscar Pinchi. Baleirouse no campo. A súa faísca acendeu a equipa e por aí Bruno Gama acordou do seu sono para facer o 1-2, nunha estupenda acción persoal, marca da casa. O Dépor espeliuse e propuxo outro partido, un partido frenético de quince minutos que o levou a empatar in extremis e case, case a gañar. Lástima da cegueira do árbitro, que deixou pasar un penalti clamoroso na área vasca sobre Juanfran.

 

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Arribas, Albentosa, Luisinho, Pedro Mosquera, Borges (Guilherme, min. 61), Bruno Gama, Emre Çolak (Óscar Pinchi, min. 61), Marlos Moreno (Borja Valle, min. 72) e Joselu.

Deportivo Alavés: Ortolá, Kiko Femenía, Laguardia, Feddal, Theo Hernández, Marcos Llorente, Krsticic (Dani Torres, min. 88), Edgar, Camarasa (Raúl, min. 72), Katai (Ibai Gómez, min. 76) e Christian Santos.

Goles: 0-1, m.3: Christian Santos; 0-2, m. 45+1: Edgar. 1-2, m. 73: Bruno Gama; 2-2, m. 90+4: Joselu.

Árbitro: Hernández Hernández (c. de Las Palmas). Cartóns amarelos a Edgar (min. 54), Krsticic (min. 64), Luisinho (min. 71), Bruno Gama (min. 87), Joselu (min. 90+3).

Incidencias: 17.963 espectadores.