EUROCOPA

Portugal estrease contra Chequia na Eurocopa

Debuta na Eurocopa o país que, ante a prohibición de que a Irmandiña poida competir oficial e internacionalmente, animará unha parte substancial da afección galega, Portugal. O combinado luso busca ás 21 horas desta terza feira e ante a República Checa estrearse con bo pé no último gran torneo de Cristiano.
Máis de 2.000 seareiras portuguesas apoiaron os seus homes en Münster, o seu lugar de concentración. (Foto: UEFA).
photo_camera Máis de 2.000 seareiras portuguesas apoiaron os seus homes en Münster, o seu lugar de concentración. (Foto: UEFA).

Portugal estrease esta terza feira (Zentralstadion de Leipzig, 21 horas) nunha Eurocopa de Alemaña 2024 á que chega coa condición de máxima favorita -xunto con Francia, Inglaterra e o país anfitrión- a levantar o que sería o segundo título da súa historia e o derradeiro para os últimos sobreviventes da xeración de xogadores que levantou o torneo en 2016: Rui Patrício, Pepe, Danilo e Cristiano Ronaldo.

O astro luso regresa así ao fútbol de elite logo da súa marcha ao emerxente campionato saudita en xaneiro de 2023 co obxectivo de reivindicarse non só como exemplo de lonxevidade -pois tornará no primeiro home en participar en seis Euros-, senón como activo diferencial tamén no presente dun combinado que debutará ante unha República Checa que aínda está lonxe de aproximarse a aquela que foi finalista en 1996 da man dos Nedved, Poborsky, Kouba -que xogou no Deportivo- e compañía.

Ademais, este non será o único encontro da xornada, pois ás 18 os outros dous integrantes do Grupo 'F', Xeorxia e Turquía, colidirán por facerse cuns puntos que poderían ser vitais de cara a determinar quen remata na segunda posición ou, incluso, para optar a ser un dos catro mellores terceiros e avanzar así até os oitavos de final.

Decepciona Ucraína

As previsión sinalaban a Ucraína como unha das potenciais revelacións, mais decepcionou ás primeiras de cambio após caer goleada esta segunda feira ante Romanía (3-0) nun moi mal partido do meta Lunin. 

Mbappé e sitúase fronte á extrema dereita

A Eurocopa de Alemaña tamén está dando que falar fóra dos terreos de xogo por razóns extradeportivas. En primeiro lugar polo atentado cometido en Wolmirstedt por un home que atacou -matando unha delas- tres persoas que seguían o encontro inaugural por televisión; logo, polos incidentes violentos protagonizados por ultras serbios e ingleses, que deixaron dous feridos; e por último polas manifestacións do futbolistas francés Mbappé, que criticou o avance da estrema dereita no seu país e alertou contra "as ideas que dividen". 

Comentarios