Confunden o concello de Baiona... cunha "pintoresca cidade do País Vasco francés"

A información publicada polo diario 'Marca' confundindo a Baiona galega coa de Euskal Herria. (Imaxe: Marca)
A décima etapa da Volta ciclista a España vai esta terza feira de Ponteareas a Baiona.

A Volta ciclista a España atravesa estes días diferentes municipios da Galiza. Na etapa desta terza feira os corredores partiron de Ponteareas, na comarca do Condado, para atravesar concellos como Arbo (A Paradanta), Salvaterra (O Condado) ou Tui (Baixo Miño) e rematar a xornada en Baiona, localidade pertencente á comarca de Vigo... que para o xornal deportivo máis lido do Estado, Marca, está dentro das fronteiras de Euskal Herria.

"Así es Bayona, la pintoresca ciudad del País Vasco francés donde hoy acaba la etapa de la Vuelta a España", titulaba o diario a primeira hora desta mañá nunha información que xa foi eliminada na que se confundía a Baiona galega coa cidade que leva o mesmo nome en Iparralde —Baiona en euskera, Bayonne en francés—.

O topónimo, independentemente de a cal das dúas 'Baiona' fixese referencia, aparece deturpado coa súa forma en español. Cómpre lembrar a este respecto que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística galega recolle que "os toponimos de Galiza terán como única forma oficial a galega", o que se contempla tamén en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, promovidos polo Consello de Europa.