EUROCOPA

A previa dos partidos da Eurocopa esta fin de semana: quen e cando xoga?

Luka Modric está ante o seu 'último baile' internacional. (Foto: EP).
O espectáculo da Euro sube as revolucións do fútbol con nove partidos nos próximos tres días.

Será por partidos. Logo do Alemaña-Escocia na noite de onte -que rematou fóra do horario de fechamento desta edición-, a Eurocopa 2024 pon a directa e comeza un maratón de tres choques diarios durante practicamente dúas semanas consecutivas.

Así, as outras dúas seleccións que xunto coa anfitrioa e a escocesa completan o Grupo 'A', Hungría e Suíza, coliden nun duelo programado ás 15 horas do sábado en Colonia. 

Co común obxectivo de rematar nunha segunda posición que lles garanta o acceso aos oitavos de final sen depender de ser un dos catro mellores terceiros, ambos os combinados chegan nun moi bo momento de forma, como confirma o feito de que Suíza só perdeu un dos seus 16 últimos partidos, mentres que Suíza unicamente caeu nun dos últimos 14.

Porén, o 'derbi' centroeuropeo fica completamente opacado ante a magnitude do primeiro gran encontro do campionato merecedor do emprego dese vello tópico do xornalismo deportivo da 'final anticipada': España-Croacia (sábado, 18 horas).

Finalistas da última edición da Nations League, na que a 'Roja' venceu na quenda de penaltis, o enfrontamento entre a veteranía da crepuscular Croacia liderada por Luka Modrić e a xuventude da rexuvenecida escuadra dirixida por Luis De la Fuente, cos Pedri, Nico Williams, Lamine Yamal e compañía como estandartes, promete dar que falar.

E para fechar a xornada do sábado, Italia, a vixente campioa -ou o que queda dela, pois Luciano Spalletti só convocou 11 dos gañadores en 2021- recibe ás 21 horas a modesta Albania, que baixo a dirección do ex xogador do Celta Sylvinho agarda dar a que sería unha das sorpresas maiúsculas da Euro.

Para o domingo fican o Polonia-Países Baixos (15 horas), Eslovenia-Dinamarca (18 horas) e Serbia-Inglaterra (21 horas), sendo este último o que xera máis interese dentro e fóra do terreo de xogo.

A previsíbel presenza dos sectores máis radicais das afeccións de ambos os países puxo en alerta a policía alemá, que xa tivo incidentes cos ultras balcánicos no pasado, razón pola que mobilizará máis de 1.000 axentes e tratará de manter en todo momento a separación entre os grupos coa esperanza de que uns posíbeis incidentes violentos non ensombrezan o que promete ser un enfrontamento decisivo de cara a determinar quen remata en primeira posición no Grupo 'C'.

Pola súa parte, o Polonia contra Países Baixos está condicionado pola baixa por lesión da estrela polaca, Robert Lewandowski -que, dixo, "probablemente" volverá para xogar con Austria o día 21- e o Eslovenia-Dinamarca polo nivel que sexa quen de demostrar outro xogador da Liga, un Jan Oblak que coas súas paradas está obrigado a soster un conxunto moi frouxo.

Francia, a por todas

Xa na sexta feira será a quenda do Romanía-Ucraína, onde a selección dirixida por Rebrov debe confirmar se de verdade está chamada a ser a sorpresa da Eurocopa; do Bélxica-Eslovaquia, no cal os Diaños Vermellos aspiran a que non se note a ausencia de Thibaut Courtois; e dun Austria-Francia no que os subcampións do mundo e grandes favoritos para facerse co cetro continental teñen que despexar as dúbidas que os rodean.