Redondela recibe unha nova etapa da Liga de Traiñeiras

Iván Valles, Antonio Viaño e Digna Rivas durante a presentación. (Foto: Concello de Redondela).
Competirán máis de 450 remeiros e remeiras.

O paseo de Cardona, en Chapela (Redondela), recibe este sábado a todas as embarcacións das distintas categorías que conforman a Liga Galega de Traiñeiras: a LGT-A, a LGT-B e a LGT Feminina. 

En total, serán 25 as embarcacións e uns 450 remeiros e remeiras as que se darán cita nas augas de Arealonga, nun espectáculo organizado polo Club de Remo Chapela coa colaboración do Concello local, que acolleu esta quinta feira a presentación da IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F, a V Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A e a II Bandeira Chapela Wofco da Liga B.

Alí, a alcaldesa, Digna Rivas, definiu como "un privilexio" o feito de "poder contar con todos os clubs da Galiza no paseo de Cardona, tal e como aconteceu na pasada tempada", prometendo "un gran espectáculo".

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Iván Valles, destacou que Redondela torna" na capital do remo galego", poñendo en valor que o da comarca viguesa sexa "o único municipio do país no que se compite en todas as categorías da Liga Galega de Traiñeiras".

Despois, o presidente do Club de Remo Chapela, Antonio Viaño, afirmou que esta tripla cita do sábado será "excepcional" no contexto da competición, pois "só se repetirá na derradeira xornada ligueira, na Coruña, co Trofeo Herrera e os play-off que organiza a Federación Galega".

Con respecto aos horarios, a acción comezará ás 16.30 horas coa regata da LGT-B na que participarán A Pobra, Cedeira, Bueu-Simei, Ribeira, Salgado-Perillo e os anfitrións do Chapela-Wofco. Xa ás 17 arrancará a IX Bandeira Feminina Concello de Redondela da LGT-F, co Chapela liderando unha clasificación xeral na que está seguido polo Cesantes-Amegrove-Cefycal, aínda que os barcos de Rianxo, Cabo da Cruz, Mugardos, A Cabana Ferrol, Castropol e Salgado-Perillo prometen dar que falar.

A derradeira das probas fica para as 17.30 coa V Bandeira Chapela Concello de Redondela da LGT-A, na que están inscritas Ares, Tirán-Pereira, Castropol, Rianxo, Samertolameu-Oversea, Urme, Mecos, Narón, Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana Ferrol e as traiñeiras locais do Cesantes-Rodavigo e o Chapela-Wofco, que optan a facerse cos 9.000 euros de premio.