París 2024

O resumo da xornada: debut con vitoria da primeira galega nos Xogos e un novo récord mundial

A selección española, coa que se estreou nuns Xogos a galega Tere Abelleira, celebrando o gol de Mariona Caldentey que lle deu o triunfo. (Foto: RFEF vía Europa Press)
A futbolista pontevedresa Teresa Abelleira saíu no segundo tempo para certificar o triunfo da selección estatal ante Xapón. Aliás, a arqueira surcoreana Lim Sihyeon bateu o primeiro récord do mundo na fase previa de tiro con arco.

Malia que a valdoviñesa Alicia Fernández estaba chamada a ser esta quinta feira ás 14 horas a primeira galega en debutar nestes Xogos, a lesión que arrastraba xa antes de viaxar a París borrouna da convocatoria da selección española de balonmán, que se estreou cunha contundente derrota ante Brasil (18-29), perdendo en todos os parciais e demostrando que aínda queda moito traballo por facer para remontar o voo.

Sen Fernández, a debutante da Galiza foi a futbolista pontevedresa Teresa Abelleira, que se ben non partiu no once inicial saltou ao campo no minuto 82 para axudar a certificar un axustado triunfo contra Xapón (2-1) con remontada incluída. A nipoa Aoba Fujino estreou o marcador moi cedo, no minuto 13, mais os goles de Aitana Bonmatí e Mariona Caldentey deron a volta ao partido en favor das vixentes campioas mundiais.

Primeiro récord

Mais a noticia do día non estivo nin na pista de 40x20 do París Sud Arena nin sobre o céspede do estadio de La Beaujoire, senón no recinto de Invalides. Nin 24 horas pasaron para que se batese o primeiro récord do mundo nos Xogos Olímpicos de París: a surcoreana Lim Sihyeon arrasou na fase clasificatoria da proba individual feminina de tiro con arco, rematando cunha puntuación de 694 que supera por dous puntos a anterior marca mundial, que estaba en posesión da súa compatriota Kang Chaeyoung.

A súa brillante actuación, sumada á das súas compañeiras Nam Suhyeon (que fixo marca persoal) e Jeon Hunyoung, deu ao equipo de Corea do Sur outro récord, o olímpico neste caso, con 2.046 puntos.