París 2024 | Remo

Diploma olímpico para o moañés Rodrigo Conde, quinto na final do dobre scull

Aleix García e Rodrigo Conde, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
Ouro para Romanía, prata para Países Baixos e bronce para Irlanda.

Após conseguiren o ansiado billete á gran final polas medallas cunha soberbia actuación de principio a fin na regata das semifinais do dobre scull de remo, o moañés Rodrigo Conde e o catalán Aleix García empezaron moi ben a final desta quinta feira polo título, mantendo o tipo ante as dúas grandes favoritas, Países Baixos e Romanía, ao cruzar o primeiro segmento dos 500 metros. Mais Irlanda e Estados Unidos apretaron tamén e Conde e García foron quedando rezagados nunha final da que non se chegaron a descolgar até o treito final e remataron nun meritorio quinto posto que lles dá o diploma olímpico.

Tras o paso dos 1.000 metros, na metade da regata, a distancia entre o bote do galego e a que ía en cabeza, a dos remeiros romaneses, superaba xa os dous segundos. E no seguinte segmento pasaba xa a case cinco. Romanía e Países Baixos mantiñan un forte pulso polo liderado que non se decidiu até que os primeiros botaron os restos nun último sprint que lles valeu o triunfo anotando o mellor tempo de toda a competición nestes Xogos Olímpicos (6:12.58).

Ninguén baixara, até agora, dos 6 minutos e 13 segundos nas series clasificatorias nin nas semifinais, e nin os neerlandeses foron quen de aguantar ese ritmo nos metros finais, tendo que conformarse finalmente coa prata (6:13.92). O bronce foi para o bote de Irlanda, outra das grandes sensacións que nos deixou este dobre scull nos últimos días, marcando 6:15.17.

A dous segundos dos irlandeses remataron os remeiros dos Estados Unidos (6:17.02), e algo máis rezagados entraron Conde e García, cun tempo (6:20.59) que non fai xustiza á súa grande actuación en París, na que foi a primeira cita olímpica tanto para o galego como para o catalán, que marchan dun diploma máis que merecido. E sexta, con 6:21.44, rematou Nova Zelandia.