Samertolameu leva a bandeira galega ao máis alto no Campionato de España de Traiñeiriñas

O campionato decorreu en Castro Urdiales.

As vogadoras de Meira gañaron a final feminina na competición, que decorreu en augas de Cantabria

Samertolameu logrou para Galiza unha das tres medallas de ouro en xogo no LXVI Campionato de España de Traiñeiriñas, que decorreu en augas de Castro Urdiales, Cantabria, territorio que leva anos amosando no banco fixo unha gran fortaleza. A tripulación de Meira impúxose na final feminina, por diante de embarcacións coa potencia de Getaria e Koxtape, que quedaron segundas e terceiras. O cuarto posto foi para as vogadoras de Cabo de Cruz, e as de Bueu ficaron quintas.

Nas outras dúas categorías do Campionato, masculina xuvenil e absoluta, as embarcacións galegas tamén callaron un bo resultado, se ben o ouro foi en ambas as dúas para tripulacións de Euskal Herria.

Na final masculina xuvenil, a triunfadora foi a traiñeiriña de Mundaka, con 11 segundos de vantaxe sobre os segundos (Amegrove). O terceiro posto foi para os vogadores de Getaria, mentres que a tripulación de Rianxo quedou en cuarta posición e Cabo de Cruz pechou a tanda de honra desta categoría.

No que atinxe á final masculina absoluta, Kaiku foi a que cruzou a liña en primeira posición. A prata e o bronce foron para Galiza grazas ao segundo e terceiro posto acadados por Tirán e Moaña. Os vascos de Koxtape foron cuartos nesta categoría e Vilaxoán entrou en quinta posición.

Foto: Federación Española de Remo