Sebas Moyano, do CD Lugo, cre que a dinámica do equipo "é positiva"
Tras unha xornada de descanso, onte tocou volver ao traballo no CD Lugo. Tamén foi a quenda para saber como está o vestiario albivermello e por ese motivo compareceu en rolda de prensa un dos seus xogadores, neste caso Sebas Moyano.
O extremo cordobés valorou a súa achega ao equipo durante este inicio da tempada e destacou a dinámica ascendente que está a mostrar o equipo desde o inicio do campionato. Após "agradecer á afección a elección como mellor xogador do partido contra o Real Oviedo” manifestou que, en realidade, “o traballo é conxunto" sempre.
Análise da tempada e encontro coa UD Ibiza
En relación á campaña que está a facer o equipo, sinalou que "tivemos altibaixos, pero a partir do primeiro encontro, crecemos".
Por iso opina que "o balance é bo, a dinámica é positiva e creo que lle daremos continuidade". Por ese motivo, indicou que o cadro de xogadores do equipo están "contentos co noso traballo. Vese un CD Lugo que compite e estou seguro de que iso se reflectirá ao final de tempada".
Sobre a saída deste domingo para xogar coa UD Ibiza, o futbolista sinalou que "é un bo equipo, con bos xogadores e seguro que o darán todo na súa casa. Mais queremos volver cos tres puntos de alá".
Lembrando o último partido no Ángel Carro, no que empataron sen goles diante do Real Oviedo, Moyano asegurou que daquela "saímos coas sensacións de que fixemos un bo traballo e tivemos moitas opcións de marcar".
Por último, o cordobés quixo deixarlle unha mensaxe de recoñecemento a Hernán Pérez, o adestrador do CD Lugo. "Eu sempre estarei agradecido, xogue de titular ou de suplente. Sempre quero máis, mais estou moi contento co meu papel até o momento", concluíu nas súas declaracións.