París 2024 | Natación

Segundo ouro (con récord olímpico) para unha novísima Summer McIntosh

A canadense Summer McIntosh, esta quinta feira, na piscina de La Défense Arena. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
A nadadora de só 17 anos subiu xa tres veces ao podio olímpico de París.

Terceira medalla —segunda de ouro— en París para a canadense Summer McIntosh, que aos seus 17 anos converteuse esta quinta feira na nova plusmarquista olímpica dos 200m bolboreta feminino (2:03.03). Unha proba na que competía tamén a vixente campioa, a chinesa Yufei Zhang, quen ademais ostentaba o anterior récord, pero desta volta tivo que conformarse co bronce. E a prata foi para a estadounidense Regan Smith, quen rematou a só 81 centésimas de McIntosh.

200m costas (masculino)

Minutos despois saltaban á piscina os oito mellores homes nos 200 metros costas, unha proba cun final moi axustado que se acabou levando o húngaro Hubert Kos (1:54.26). O podio completárono o grego Apostolos Christou (1:54.82) e o suízo Roman Mityukov (1:54.85).

200m braza (feminino)

E máis tarde unha nadadora estadounidense, Kate Douglass, facíase co ouro nos 200 metros braza parando o crono en 2:19.24, a mellor marca da historia do seu continente. A surafricana Tatjana Smith, cun tempo de 2:19.60, obtivo a prata, e a neerlandesa Tes Schouten foi bronce con 2:21.05.