O sintético da pista de Expourense acolle un duplo Campionato Galego

O estradense corre os 3.000 metros. (Foto: RFEA).
El Mehdi El Nabaoui, nome destacado da xornada na proba dos 3.000 metros.

Dous importantes campionatos de pista curta farán as delicias do público que decida achegarse ao longo desta fin de semana ao recinto de Expourense.

Así, durante o sábado e o domingo a afección terá a oportunidade de presenciar o Campionato Xunta da Galiza de Combinadas Sub-16, Sub-18 e Sub-23, no que tomarán parte medio cento de atletas.

No mesmo destaca a participación das campioas galegas Andrea Reija, na Sub-23, e Carla Allegue, na Sub-16. Xunto con elas estarán as tamén medallistas Victora Pampillón na categoría Sub-16, así como Paco Lamas e Tesfayé Chao na Sub-18

A outra das citas da fin de semana corresponde ao Campionato Xunta de Galiza Sub-23, no que brilla a presenza da campioa da pasada edición, Andrea Villaverde, quen aspira a revalidar os seus tres títulos, logrados nas probas de lonxitude, altura e 60 metros valos

Pola súa parte, María Fernández intentará facer o propio nas distancias dos 400 e os 800 metros, Nerea Fernández en pértega e a lanzadora internacional Xiana Lago en peso, entre outras estrelas que completan o cartel de participantes mais salientábeis nesta edición 2024.

A modalidade masculina tamén contará cunha destacada relación de atletas, entre os que se atopan o campión galego dos 3.000 metros, Hugo García; Martín Míguez nos 1.500 metros lisos; Tomás López en pértega; Raúl Cortizo en lonxitude e  Samuel Lema en peso.

Pola súa parte, xunto ao Galego Sub-23, desenvolverase paralelamente na tarde do domingo a proba dos 3.000 metros na categoría absoluta. O internacional El Mehdi El Nabaoui parte como un dos favoritos nunha carreira na que tanto Pablo Bocelo como Carlos Porto serán atletas a ter moi en conta nos homes e Emma Méndez e Uxía Pérez nas mulleres.