Só os canteiráns máis novos ilusionan na clara derrota do Deportivo ante o Madrid

A boa actuación na recta final de xogadores da casa como Bicho, Luís e Juan Carlos foi o mellor dun Dépor moi fráxil que caeu 0-4 ante o Real Madrid na disputa do Teresa Herrera. Na bancada foron visíbeis gran número de estreleiras.

 

Como era de agardar, o Real Madrid amosouse moi superior ao Deportivo, que caeu derrotado na disputa do LXVIII Trofeo Teresa por cero tantos a catro. Malia a clara derrota, o equipo branquiazul pode sacar algunha conclusión positiva grazas ás actuacións de algúns dos seus canteiráns na recta final do encontro, cando a base de toque e profundidade estes crearon varias ocasións que a piques estiveron de converterse no gol da honra deportivista. Nese treito destacou de xeito especial Bicho, así como Juan Carlos e o dianteiro Luís. A longo do encontro, até trece xogadores que pasaron por Abegondo saltaron ao céspede, de feito o Dépor rematou o partido con dez deles sobre o campo, xunto a Manuel Pablo, con 13 tempadas de traxectoria no club.

Moi notoria presenza de bandeiras patrióticas nas bancadas o día despois de o Goberno estatal as asociar coa violencia

Co once titular o conxunto que dirixe Fernando Vázquez si que amosou moitas máis carencias do esperado, amosando unha vez a falta de contundencia que suxeriu na derrota do pasado sábado como local ante o Córdoba. Cando apenas se disputaran 18 minutos os coruñeses xa caían 0-3, con tantos de Kaká, Casemiro e Morata. O mediapunta brasileiro anotaría o cuarto tanto. No Dépor debutou Borja Bastón, que puxo vontade.

Florentino Pérez non se desprazou á Coruña ante o temor de o persoal en folga de Albada aproveitar a visita para facer patente as súas protestas

Riazor estivo practicamente cheo e, a pesar da petición da directiva, os apupos e cánticos contra o Real Madrid -que se ofreceu a xogar o torneo a cambio só dos dereitos televisivos- foron os habituais dos últimos lustros. Destacou tamén a importante presenza nas bancadas de Riazor de bandeiras nacionalistas galegas só un día despois de o Goberno xustificar que se prohiba introducilas nos estadios. Por último, o Madrid non se desprazou á Coruña co seu presidente á cabeza ante o temor que o persoal en folga de Albada -que pertence a uns dos grupos empresariais de Florentino Pérez- aproveitase a visita para facerlle patentes as súas protestas.