A sociedade Andone-Babel, demasiado rival para un frouxo Osasuna

Albentoso cabecea na área osasunista

O Dépor recuperou sensacións defensivas e apenas deu opcións a un Osasuna que non acaba de aterrar na Primeira División. Riazor viviu unha festiva apagada no intermedio, reinaron as lanternas dos telemóveis, o estadio deveu nunha constelación de vagalumes, e o mellor é que a equipa non se descentrou co incidente.

O Dépor xa ten unha equipa armada, ten defensa, ten centro de campo, ten ataque. Resultado, 16 pontos (dúas vitorias consecutivas en Riazor), catro por cima do descenso. E, sobre todo, unha sensación, a de que Garitano xa deu coa tecla, que non fai falta tocar nada máis para as cousas fluíren.

Parte do segredo radica nunha nova sociedade, a que forman os puntas Andone, un 9 puro, e Babel, un holandés voador que alía toque con potencia. Un dueto letal para un Osasuna que neste momento é o negativo do Dépor: nen ten defensa nen centro de campo nen onte tivo ataque ao non poder aliñar Oriol Riera, cedido pola escadra galega, en función da chamada cláusula do medo.

Mais a felicidade nunca é completa e un nubarrón axexa o solleiro ceo deportivista: a hipótese de que Babel lisque da Coruña o 31 de decembro cada hora que pasa cobra máis corpo. Resgatado para o futebol de elite na Coruña, o holandés manexa unha oferta do Besitkas economicamente moi superior ao que as arcas deportivistas poderían chegar a alcanzar. Babel baralla todas as opcións, tamén a de ficar, consciente de que a contorna que ten aquí, e que o axudou a se reivindicar como futbolista, talvez non a ache en Turquía.

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Bruno Gama, min. 72), Emre Çolak, Babel (Marlos Moreno, min. 90) e Andone (Joselu, min. 80).

CA Osasuna: Nauzet Pérez, Berenguer, Tano, David García, Iván Márquez, Clerc, De las Cuevas (Kenan, min. 72), Roberto Torres, Causic, Fran Mérida (Rivière, min. 46) e Sergio León.

Goles: 1-0 Andone (min. 7); 2-0 Babel (min. 42).

Árbitro: Sánchez Martínez (c. murciano). Cartón amarelo  a De las Cuevas (min. 52), Juanfran (min. 66), Iván Márquez (min. 73) e Clerc (min. 79).

Incidencias: 22.966 espectadores. No intermedio un fallo eléctrico provocou unha monumental apagada no estadio. Foi o momento en que o resplando de miles de telemóveis alumeou o coliseo coruñés. A segunda parte deu comezo con 25 minutos de demora sobre o horario previsto.