Susana Alonso, ciclista: "As mulleres deportistas temos que subsistir cun traballo paralelo"

A corredora, vestindo as cores da selección galega. (Foto: FGC).
Nunha época na que as deportistas dan o salto á elite cada vez máis novas, o caso de Susana Alonso (Mos, 1980) contrasta, pois estamos diante dunha persoa que non se animou a competir até a trintena. Un feito que non supuxo obstáculo para que axiña comezase a acumular títulos galegos e estatais sobre a súa bicicleta.

Susana Alonso vén de lograr un novo título, outro máis, neste caso o Campionato de España de XC Ultramaratón. Leva a conta?

Non, non conto os títulos, pero uns cantos teño (ri). E iso que comecei a correr con 30 anos, e teño 41, e tampouco gaño sempre, ollo, caso do último Campionato Galego no que participei.

Como ben di, o seu caso non é, precisamente, o dunha vocación temperá. Como foi ese momento do salto ao deporte?

Eu era unha persoa que non facía deporte de ningún tipo, nada de nada. Pero a raíz de querer aprender a nadar, cun simple curso na piscina da miña vila, comecei a gozar da sensación de sentirme ben, en forma. Así que chegado o verán merquei unha bicicleta para probar con outra cousa e, cando me din de conta, xa estaba facendo carreira. Logo, tiven a sorte de que se fixase en min un equipo, Extremadura-Ecopilas, que tiña unha estrutura moi forte e que me deu a oportunidade de participar en boas carreiras, e así comezou todo.

E xa desde o inicio a gañar tamén, pois apenas un par de anos despois da súa estrea xa tiña no seu palmarés o Campionato da Galiza de Maratón de Mountain Bike e era habitual dos podios no Open de España XCM.

Si, tiven a sorte de que axiña comecei a gañar, o que dá motivación para seguir correndo, porque ves que podes facelo ben.

De onde saca o tempo unha persoa como vostede, que precisa dun traballo para poder vivir, para desenvolver os esixentes adestramentos que demanda a súa condición de deportista?

De onde se pode. Require moito esforzo, porque aínda que o meu corpo está habituado a facer fondo e a unha gran carga de traballo, estar no máis alto esixe moita dedicación e disciplina. É algo do día a día e todo o ano, de aproveitar todo o tempo libre do que dispoño para adestrar, viaxar, impulsarme no deporte... porque desgraciadamente a deportista profesional practicamente non existe. Na maioría das modalidades, con excepcións, temos que subsistir cun traballo e logo ter unha vida paralela como atleta, e o único modo de ser quen de compatibilizar ambas as cousas é con moita organización. Por exemplo, eu traballo de segundas a sábados, levantándome ás cinco da mañá, e despois de traballar, adestro. Imaxina o tipo de vida e a implicación que hai que ter, é como unha hipoteca constante.

Cantas horas lle quita ao sono para poder practicar deporte?

Non podo quitar máis, como dicía, levántome ás cinco da mañá (ri). O único día que teño para botar horas de verdade son os domingos, así que dependendo do momento da tempada podo rodar até seis horas. O resto da semana, adestramentos máis curtos, especialmente no inverno, pola pouca luz que temos. Nin eu mesma sei ás veces como saco tanto de tan pouco descanso.  

Sobre a situación da muller deportista, na meirande parte das veces obrigada a compatibilizar cun traballo para poder subsistir, falaba nestas mesmas páxinas con outra lenda da bicicleta galega, Eva Castro, quen recoñecía que vivir do deporte nin sequera era unha opción. Comparte a súa reflexión?

Antes de nada, gustaríame sinalar que aínda que nunca tiven o gusto de coincidir con ela, Eva Castro é un referente para min. Logo, sobre a súa postura, no meu caso houbo un tempo en que si, que mesmo pensei que podería ser posíbel, até o punto de que cheguei a coller unha excedencia no traballo uns meses, pero era unha teima persoal na que sacrificaba moitas cousas... Realmente vivir disto aquí é practicamente inviábel, pois nas carreiras non se gaña diñeiro suficiente, son pouco máis que premios simbólicos, e non hai equipos suficientemente fortes como para ter un orzamento que lles permita ter profesionais asalariadas.

E deixando a un lado ese, por chamalo dalgún modo, sector privado dos equipos, os premios... que pasa coas axudas públicas?

Mira, primeiro tes que demostrar uns méritos para optar a unhas axudas coas que ninguén viviría, pois serven pouco máis que para adquirir materiais, que no ciclismo son especialmente caros. Nin moito menos pagarías as facturas con iso. 

Para rematar, e se me permite facelo cunha brincadeira de tan baixo nivel, recordaba vostede anteriormente os seus tempos no equipo 'Ecopilas'... Cantas lle quedan a Susana Alonso?

Pois non che sei. Todos os anos penso "este é o último", pero sempre acabo por seguir e xa ninguén me cre (ri). Aínda que este ritmo no que estou instalada é tan tolo que acabo por perderme moitas cousas, e penso en vivir máis, en gozar da familia, das amigas e, por que non, do deporte a outro nivel, quizais nunha categoría Máster, máis centrada na diversión que na pura competición... pero logo lembro que necesito esa intensidade, a motivación de sentirme no máximo nivel... Así que, si, cada ano teño que pensar máis as carreiras que quero correr, pero mentres teña ganas, seguirei. Até cando? Iso xa non o sei.