París 2024 | Atletismo

Tamirat Tola gaña a maratón cun novo récord olímpico; Tariku Novales, sexaxésimo oitavo

O etíope Tamirat Tola cruzando a meta este sábado. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
A prata foi para o belga Abdi e o bronce para o kenyano Kipruto.

O maratoniano etíope Tamirat Tola, que fora bronce en Río 2016, subiu este sábado ao máis alto do podio na maratón masculina de París estabelecendo, ademais, un novo récord olímpico: 2:06.26. Tola superou por apenas seis segundos a antiga marca fixada polo kenyano Samuel Wanjiru en Beijing 2008.

A prata foi para o belga Bashir Abdi, que rematou apenas 21 segundos despois de Tola, e o bronce para o kenyano Benson Kipruto, 34 segundos por baixo do campión olímpico. E o noiés Tariku Novales rematou no sexaxésimo oitavo posto pero anotou, con todo, o seu mellor rexistro desta tempada (2:25.50).

Tola sucede así o kenyano Eliud Kipchoge, ouro nas maratóns de Rio 2016 e Toquio 2020, que nesta ocasión, aos seus 39 anos, non puido finalizar a carreira. Si cruzou a meta, pero con moitas dificultades e entre bágoas, un Tariku Novales que chegaba a París con ganas de ir a por todas após convertese en plusmarquista do Estado español.

Pasado o ecuador da proba, arredor do quilómetro 28, cando se puña costa arriba —literalmente— cunha pendente superior a 10% que obrigou os atletas a cambiar a un paso máis curto, Tola lanzou un forte ataque que só nove rivais resistiron. Parecía visualizar xa o ouro, e finalmente conseguiu retelo.