Traiñeiras: a armada galega segue a dar a batalla (sobre as augas) na liga ACT

Tirán e Cabo mantéñense na parte alta da táboa (4º e 5º respectivamente) após unha fin de semana de regatas en augas 'giputxis'. Meira segue a buscar acoplarse a unha competición tan dura como a ACT. Na Liga galega, todo o poder para os do Grove.

 

Fin de semana de regatas en augas de Gipuzkoa na liga #SanMiguel ou ACT, a máxima competición do banco fixo, e as principais traiñeiras galegas manteñen o pulso - dentro do que cabe - coas todopoderosas tripulacións vascas. Após o paso por San Pedro (sábado) e Donosti (domingo) a traiñeira de Tirán vai de cuarta na Xeral e Cabo de Cruz ocupa o quinto posto. Teñen por diante súa a tres dos grandes barcos do remo nestes anos: Hondarribia (actual campioa e que lidera a táboa), Urdaibai e Orio. Pola pola, os de Tirán e Cabo poden ver no seu ronsel a históricas como Astillero, San Pedro, San Juan ou Kaiku, entre outras. É máis: o terceiro posto, en mans dos 'agilutxos' de Orio está a só un punto de alcance para Tirán ou dous puntos para os de Cabo. Na ACT compiten 12 traiñeiras, das cales 3 son galegas, 1 cántabra e o resto, vascas. A terceira representante galega, Samertolameu de Meira, recén ascendida, vai de última na clasificación, e semella que lle está a custar coller o 'ritmo' dunha competición como a da ACT.

Na regata de San Pedro a vitoria foi para a traiñeira de Hondarribia, cun tempo de 19:28:78; seguida de Urdaibai. Tirán entrou de cuarta (a 11 segundos) dos vencedores, e Cabo de Cruz foi quinta. Na regata da bahía de Donostia o triunfo meteuno a bordo Orio, por diante de Urdaibai, Hondarribia, Tirán e Cabo. 

Orio e Portugalete serán as prazas onde esta fin de semana que vén se disputarán as dúas novas regatas da ACT. Nas 5 bandeiras desputadas até o de agora Hondarribia coinquistou 3, Orio 1 e Urbaibai 1.

Liga Galega de Traiñeiras A, B e Feminina

Na Liga galega de traiñeiras o poder segue en mans dos do Grove, tanto na categoría A (onde compiten 8 embarcacións) como na B (onde son 7 os barcos que participan). Na LGT-A Amegrove lidera a clasificación (24 puntos), por diante de Ares (18) e Mugardos (17 ptos). A traiñeira de Mecos lidera a LGT-B, con 21 puntos, seguida dos asturianos de Castropol (18) e de Chapela, con 14. Na Liga galega de traiñeiras feminina, a tripulación de Cabo de Cruz vai de líder, por diante de San Martiño e Chapela. As vogadoras de Cabo ficaron esta fin de semana a piques de conquistar praza para a Liga Euskotren (competición de traiñeiras feminina), mais finalmente non puido ser. 

Fotografías: Maider Celada (Liga San Miguel)