Fútbol

A tranquilidade, común obxectivo dos tres equipos galegos na Liga de Fútbol Profesional

Señé, Aspas e Lucas Pérez volverán ser das referencias ofensivas dos seus clubs. (Foto: RC Celta).
O Celta e o Rácing asinarían a permanencia, mentres que o Dépor é unha incógnita.

Os partidos Athletic de Bilbao-Xetafe na Primeira División e Granada-Albacete na Segunda dan por inaugurada oficialmente esta quinta feira a tempada 2024/25 na Liga de Fútbol Profesional (LFP). Nesta ocasión, a Galiza contará cun representante máis na elite con respecto á campaña anterior, pois a Celta de Vigo e Rácing de Ferrol súmase un Real Club Deportivo da Coruña que logrou saír dos infernos da terceira categoría despois de catro anos no pozo.

Con todo, para ver en acción os tres equipos do país haberá que agardar algo máis, pois os celestes non debutarán até mañá, cando recibirán ás 19 horas en Balaídos o Alavés de Vitoria, mentres que tanto os Diaños Verdes como os branquiazuis xogarán o sábado 17, ás 17 horas na Malata contra o Málaga no caso dos primeiros, e xa ás 19 en Riazor ante o Real Oviedo no dos segundos.

Esta xornada debut suporá unha aproximación ao estado real duns conxuntos que ofreceron sensacións irregulares ao longo da pretempada. Por exemplo, o Celta evidenciou ao longo dos sete partidos que disputou que a defensa, igual que acontecera durante a 2023/24, continúa sendo o seu punto feble, engadíndolle as incógnitas que abre a situación física do veterano porteiro Vicente Guaita -un factor chave na última salvación-, quen comezou esta semana a traballar co grupo logo de permanecer apartado todo o verán a causa dunha doenza física no ombreiro que abriu a meta a Iván Villar e Marc Vidal, que non acabaron de convencer.

Preocupa tamén entre a parroquia olívica a lentitude coa que están chegando unhas fichaxes que se limitan ao dianteiro Borja Iglesias e o centrocampista Ilaix Moriba, o que fai do Celta a escuadra que menos reforzos sumou de todo o campionato xunto co Athletic de Bilbao, o Real Madrid e o Fútbol Club Barcelona, tres bloques que parten dunha base moito máis sólida que a súa.

A crise económica que vive o deporte rei continúa lastrando os investimentos en fichaxes, moi lonxe das cifras de anos anteriores

A mensaxe que se transmite desde o club, non obstante, é de tranquilidade, lembrando que as carencias no límite salarial obrigan a deixar saír antes de entrar -as vendas de descartes como Kevin, Franco Cervi, Luca De la Torre, Gonçalo Paciência, Unai Núñez ou Tadeo Allende non acaban de concretarse-, poñendo en valor ao mesmo tempo as contribucións que poidan realizar homes como Tasos Douvikas -o gran fenómeno estival e que apunta a indiscutíbel logo da marcha de Larsen rumbo ao fútbol inglés- e canteiráns como Hugo Álvarez e Damián Rodríguez, que da man de Claudio Giráldez xa foron peza chave na permanencia.

Por todo iso, os ánimos están lonxe dos niveis de hai un ano, coincidindo cos fastos do centenario, polo que non pasar apuros sería un bo resultado para boa parte dos seareiros e seareiras.

Volve a 'Liga Hipertensión'

Movendo o foco á Segunda División, esta recibe o sobrenome, por razóns comerciais, de Liga Hypermotion, alcume que o ano pasado foi modificado polo de 'Liga Hipertensión' por un bo número de persoas nas redes sociais, en referencia á igualdade e emoción que a caracterizou.

Boa fe diso pode dar un Rácing de Ferrol que foi a gran revelación durante o primeiro tramo ligueiro, axexando os postos de ascenso directo pese a ser unha das entidades con menor orzamento e pelexando até o último momento por entrar nun play-off ao que non foi quen de engancharse por moi pouco.

Por iso, o mal desempeño na pretempada -como dixo o capitán, Álex López- non amarga os soños dun club que non ten outro obxectivo que a salvación, pero que conta con vimes para "ser moi sólido e competitivo, facendo gozar e repartindo felicidade á xente" que cada 15 días se congregue -previsibelmente, dado o ritmo de altas nos carnés, en número récord- nas bancadas da Malata.

Menos claro semella, polo contrario, a meta dun Deportivo da Coruña que pese a acabar de regresar ao fútbol profesional desde a 'C' non ten pinta de conformarse co mesmo destino que os seus veciños do norte, senón que, comandado polo tridente Lucas-Yeremay-Mella, soña con repetir a xesta que xa asinaron no pasado Mallorca, Eibar Granada ou Málaga: subir en dous anos desde a terceira categoría até a Primeira División.