O Tribunal de Arbitraxe inhabilita Pedro Rocha

Rocha sostén a Eurocopa flanqueado por Morata e De la Fuente. (Foto: Europa Press).
Novo escándalo na presidencia da RFEF.

En plenos fastos pola celebración do título da Eurocopa, o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Pedro Rocha, recibiu a nova da súa inhabilitación durante dous anos a mans do Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) pola súa xestión á fronte da Comisión Xestora do devandito organismo.

O pleno do TAD aceptou parcialmente a proposta da instrutora do caso, a avogada do Estado Marina Adela Porta Serrano, quen inicialmente chegou a pedir a inhabilitación de Rocha por seis anos pola presunta comisión de tres infraccións consideradas como moi graves pola Lei do Deporte.

Porta sostén que Rocha foi máis alá das súas funcións ao despedir o anterior secretario xeral da RFEF, Andreu Camps, e decidir que o organismo federativo comparecese como acusación no 'Caso Supercopa de España' [polo traslado do torneo a Arabia Saudita], que na actualidade se instrúe nun xulgado de Maxadahonda (Madrid).

Ademais, a avogada considera que o directivo estremeño tampouco debeu rescindir o contrato da RFEF coa firma GC Legal. Por cada unha destas tres infraccións moi graves, o informe solicitaba unha sanción de dous anos de inhabilitación para ocupar cargo algún en calquera federación deportiva.

Con todo, o TAD tan só o sancionou polo despedimento do anterior secretario xeral do organismo, limitando o castigo polas outras dúas a senllas multas económicas de 16.500.

Agora, a pelota está no tellado dun home que accedeu a un cargo que levaba vacante desde a dimisión de Luis Rubiales polo bico non desexado que lle propinou á futbolista Jennifer Hermoso despois da final do Mundial.

A inhabilitación é recorríbel, e está a ser estudada polos seus avogados, pois impediríalle presentarse de novo a unhas eleccións que están previstas para desenvolverse o próximo mes de setembro, pouco despois de que o 11 de agosto baixen o pano os Xogos Olímpicos de París 2024.

Outra defensa que podería empregar Pedro Rocha é a posibilidade de que o Estado español quede, finalmente, sen organizar a Copa do Mundo de Fútbol de 2030. A razón é que a FIFA -organismo reitor do deporte rei a nivel internacional- manifestou a súa oposición ao que consideran "inxerencias claras" do Goberno estatal na RFEF.