FÚTBOL

Uns notábeis Dépor e Lugo arrasan a Sabadell e Xáén

Os coruñeses golean fóra de casa con dous tantos do debutante Borja Bastón e un de Arizmendi (0-3) mentres que os de Quique Setién conquistarn no Anxo Carro o seu primeiro triunfo nun entretido encontro (4-2).

Após tropezar na segunda xornada, Dépor e Lugo amosaron o seu mellor perfil na terceira, onde os branquiazuis acadaron a súa segunda vitoria namentres que os lugueses sumaban por ver primeira tres puntos nun encontro.

Un Dépor de alto nivel, que amosou a contundencia cara portería que lle faltaba por engadir á súa fiabilidade defensiva conquistou a Nova Creu Alta de Sabadell, onde venceu 0-3 nun festexo anotador que, curiosamente, tivo lugar nun campo no que sumaba 28 anos sen ver portería. O relevo do último gol branquiazul que marcara o falecido Jose Luis Vara colleuno unha fichaxe recente, Borja Bastón, que fixo os dous primeiros en senllos remates clásicos de asasino de área. Unha contra perfecta entre Rudi e Arizmendi provocou que este último asinase o 0-3 final. Destacou tamén o bo labor do debutante Luisinho na banda esquerda.

Após este resultado, o Dépor suma seis puntos en tres xornadas e a domicilio non recibiu nin un tanto e gañou sempre.

Pola súa parte, o Lugo conseguiu o seu primeiro triunfo do curso ante o Xaén, que nalgúns momentos chegou con acerto á portería rival pero que cedeu ante a maior calidade do equipo que dirixe Quique Setién, que gañou 4-2 nun encontro no que foi superior. Seoane abriu o marcador e Sandaza ampliou a diferencia pero os visitantes -ascendidos este ano- achegáronse ao aproveitar un erro en defensa.

No entanto, pouco despois Pablo e Rennella certificaron cos seus tantos o resultado favorábel ao conxunto galego, que suma catro puntos.