Verdonschot e Orts estrean palmarés no Ciclocrós Lago das Pontes

Felipe Orts no novo circuíto (Foto: CX Lago de As Pontes).
As Pontes inaugura o seu novo circuíto Ciclocrós Internacional Lago das Pontes de clase C2, organizado polo Club Ciclista Vilalba-As Pontes.

A primeira edición do Ciclocrós Internacional Lago das Pontes de clase C2, organizado polo Club Ciclista Vilalba-As Pontes, estreou un novo circuíto internacional. Tratábase de probar a súa ideonidade e o exame rematou con nota.

Ciclistas chegados desde outros puntos da Estado español, Francia, Italia, Bélxica e  Países Baixos aseguraron que as novas instalacións nada teñen que envexar ás das probas da Copa do Mundo

En relación ao resultado deportivo, a proba feminina, na que as júnior compartiron pelotón coas elite Sub-23, ofreceu un duelo a tres bandas entre Laura Verdonschot, Asia Zontone e Lucía González.

A elite belga, gañadora o domingo no XaxanCX, foi a máis forte na última volta, impoñéndose por diante da Sub-23 da selección italiana e terceira rematou a asturiana do Nesta-MMR e vixente campioa de España elite. 

A carreira masculina supuxo a primeira vitoria da tempada do campión elite: Felipe Orts. O tamén elite Iván Feijoo (Academia-Postal Maceda), undécimo, asinou o mellor resultado entre os galegos mentres que os Sub-23 Anxo Carril (Coruxo) e Ricardo Buba (Drone Hopper-Gsport), 14º e 15º respectivamente, tamén remataron no top-15 absoluto.  

Nos júnior masculinos gañou o francés Gloux Fantin. Outro  galo, Hippolyte Loete, fixo segundo e Carlos Gómez, actual líder da Copa de España, terceiro.

O carballés Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) acadou o seu mellor resultado desta campaña, quinto, quedándose a 22" de subir ao podio. 

As vitorias galegas da xornada chegaron nas competicións cadetes e masters. Lorena Patiño (XSM) mantivo a súa condición de invicta este curso entre as rapazas cadetes e Néstor Frías (Avanza-O Porriño) inaugurou a súa conta de éxitos nos rapaces cadetes.