Viaxes Amarelle e Marín xogan un derbi na elite do fútbol sala estatal
A máxima categoría estatal con maior peso da representación galega, a Primeira División de fútbol sala feminino, regresa este sábado cun derbi entre Marín Futsal e Viaxes Amarelle da Coruña como prato forte.
Será ás 17 horas no Pavillón da Raña cando chegue o momento da verdade para un Marín que marca o limiar do descenso con 23 puntos e un Amarelle que conta con dous puntos de vantaxe sobre a formación pontevedresa cando restan tan só tres xornadas para a conclusión do campionato.
A condición de local outorga un mínimo favoritismo a un Marín que mellorou moito as súas prestacións no que vai de 2024, coincidindo coa fichaxe das brasileiras Giba e Gi Portes, que contribuíron decisivamente a que sumase sete dos nove últimos puntos en xogo. Ademais, e no estremo contrario, o Viaxes Amarelle non está realizando unha boa segunda metade de torneo, vencendo tan só en tres ocasións no que vai de ano, aínda que a última delas foi a pasada fin de semana en Murcia.
Sen necesidade de puntos, pero con sede de vitoria, chega a esta antepenúltima data da liga o Pescados Rubén Burela, logo de apañar o pasado sábado a súa primeira derrota da tempada contra o Les Corts, polo que sairá con todo fronte o Móstoles en Vista Alegre ás 10 horas.
Ás 18 chegará a quenda do Poio Pescamar contra o Alcantarilla en territorio murciano. A escuadra galega, actualmente en postos de play-off con catro puntos sobre o seu inmediato perseguidor, Arriva Alcorcón, precisa gañar para tratar de manter a diferenza.
Unha hora despois, ás 19, Ourense OnTime visita a pista do Melilla -terceiro clasificado- e o FSF O Castro Bloques Cando fechará a xornada ás 19 horas, sabendo que se gaña ao Maxadahonda será matematicamente equipo de Primeira un ano máis.