A xustiza estima parcialmente a demanda do Xuventude de Sisán contra o Concello de Ribadumia

Campo municipla da Senra, Ribadumia (O Salnés). (Foto: CD Ribadumia).
O Xuventude de Sisán Club de Fútbol presentou unha demanda contra o Concello por "uso discriminatorio" das instalación do campo da Senra.

O xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 2 de Pontevedra estimou de forma parcial a demanda presentada polo Xuventude de Sisán Club de Fútbol contra o Concello de Ribadumia por "uso discriminatorio das instalacións da Senra".

A sentenza condena o Concello de Ribadumia a mudar a data dos adestramentos para respectar o descanso dos futbolistas

O club de fútbol reclamaba cambiar a data dos adestramentos das segundas feiras a outro día, para favorecer a recuperación física dos xogadores tras os partidos, o uso compartido dos vestiarios da Senra 2, a cesión da parte proporcional do espazo dedicado á publicidade nese campo e a cesión da parte proporcional do recadado pola cantina arrendada dese campo, en proporción ao número de socios de cada club que fai uso das instalacións municipais.

A sentenza condena o Concello de Ribadumia a mudar a data dos adestramentos para respectar o descanso dos futbolistas e a ditar unha nova resolución na que resolva o solicitado sobre o uso dos vestiarios, a cesión da parte proporcional do espazo para publicidade do campo e a cesión da parte proporcional do recadado polo aluguer da cantina.

Porén, a sentenza non é firme. A Administración local pode recorrer o fallo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.