12 meses de Economía Feminista

Estampa das xornadas 'Feminismos en colectivo' (Foto: Aselafem).
Aselafem-Estudos Laborais Feministas pón o broche de ouro ao ano 2021 cunha publicación especializada.

Aselafem-Estudos Laborais Feministas ven de pór o broche a un completo programa formativo que culmina coa elaboración colectiva dunha publicación sobre economía feminista onde son moitas as voces que se contan a través das experiencias en primeira persoa de mulleres que lideran proxectos de vida, laborais, artísticos e culturais feministas.

Seguindo coa aposta do ano pasado coa feira Laborando II, na que se crearon espazos de formación e encontro para mulleres á cabeza de proxectos empresariais ou sociais, o Espazo de Encontro 2021 permitiu afondar "na visibilización e a denuncia das desigualdades e violencias que o sistema heteropatrialcal continúa perpetuando, no privado mais tamén no ámbito laboral e profesional".

En torno aos dereitos laborais, a muller e a tecnoloxía, a captación de fondos públicos, a xestión de conflitos, a facilitación de equipos, a xestión económica de proxectos ou a precarización na contratación pública, xeráronse dinámicas e espazos de intercambio "onde construír redes de apoio entre mulleres para fortalecerse e reclamar colectivamente dereitos e melloras que camiñen cara unha concepción ampla da economía, con perspectiva feminista".

Unha perspectiva que, entre outras cousas, "aposta por comprender o eido laboral máis aló do emprego, tomando en conta e revalorizando o traballo de reprodución e coidados".

Así culmina un ano aínda marcado pola crise da Covid-19 no que novamente "escoitamos e recollemos testemuñas sobre a necesidade de continuar coa xeración de espazos de encontro seguros onde sentirnos coidadas” e tamén sobre a importancia que ten “crear comunidade “ e “contar e atoparse con aliadas” no camiño.

Un camiño que este ano Aselafem continuou diversificando, apostando pola conxunción do virtual e o presencial para acoller e ampliar territorialidades e identidades diversas "xunto e coas que seguir medrando e construíndo desde o feminismo".