As 28 primeiras compañías hidráulicas con sede na Galiza empregan 62 persoas

Encoro de Velle, na cidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Hidroeléctrica del Arnoya S.L, cuxo 50% do capital pertence a Iglevaz, mercantil propiedade da familia do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, declarou en 2022 uns ingresos de 6,4 millóns de euros e un só empregado.

28 primeiras empresas hidráulicas con sede social na Galiza ocupan 62 persoas no país. Segundo os datos recollidos no Ardán, informe de referencia sobre sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo que ofrece información de todas as compañías con enderezo no país cuxa facturación supera 250.000 euros, en 2022, último ano con cifras, as 28 principais sociedades hidroeléctricas galegas empregaron 62 persoas.

A información achegada polo relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo non incorpora datos daquelas sociedades dedicadas á xeración hidráulica con actividade na Galiza pero con sede social en Madrid. Neste sentido, non achega cifras de emprego de moitas das compañías dos principais operadores enerxéticos con presenza do país, como pode Iberdrola ou Naturgy. Porén, nestes casos, os traballos de control desenvolvéndonos unidades das mesmas emprazadas fóra da Galiza.

Dúas empresas xeran 52% dos empregos

As empresas hidráulicas xeran moi pouco emprego. De feito 52% dos creados por sociedades con sede social na Galiza son xerados por dúas compañías con actividade no ámbito das distribución eléctrica, carecendo a maioría deles de traballador algún. Así, 36% están ocupados en Hidroeléctrica de Laracha, unha mercantil de 23 persoas que fornece electricidade nos concellos de Arteixo, Carballo e Laracha. Na mesma dirección, 16% concéntranse en Energía de Galicia (Engasa), unha firma de traballadores e presente no negocio da comercialización en 17 municipios galegos.

A situación repítese nos casos de Iberdrola, Naturgy e Endesa, compañías con sede social en Madrid, pero titulares de 81,6% da potencia hidráulica galega. A primeira, con sede en Bilbo, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid.

Endesa, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros. As tres compañías anuncian resultados históricos para este exercicio e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza

Iberdrola leva o mantemento dos seus 13 encoros galegos desde Salamanca, após fechar en 2021 a súa central de control na Rúa, que ocupaba a 12 persoas. Naturgy, herdeira de Fenosa, desenvolve os labores de control e mantemento das súas centrais hidráulicas galegas desde Madrid, tras deslocalizar unha actividade que se viña desenvolvendo desde A Coruña. Endesa, filial española da empresa pública italiana Enel, concentra as tarefas de mantemento dos seus seis encoros galegos desde Ponferrada, na comarca do Bierzo.

Os beneficios

As baixas cifras de ocupación do sector hidroeléctrico contrastan cos elevados beneficios. A este respecto, o Informe Ardán, analizando as contas presentadas polas primeiras 28 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, sinala que os ingresos por traballador en 2022 situáronse en 602.603 de euros, ficando o valor engadido bruto (VEB) por empregado en 423.963 euros. Así as cousas, apunta que a rendibilidade económica desas compañías na referida anualidade estivo en 23,8% e a rendibilidade financeira en 37,9%, o que significa que por 100.000 euros investidos o beneficio é de 37.900 euros.

Un caso paradigmático destas 28 empresas é Hidroeléctrica del Arnoya S.L. A compañía, cuxo 50% do capital pertence a Iglevaz, mercantil propiedade da familia do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, declarou en 2022 uns ingresos de 6,4 millóns de euros, unha rendibilidade financeira de 155,9%, isto é 155.900 euros por 100.000 euros investidos, e  uns beneficios de 2,7 millóns de euros. Neste caso, o cadro de persoal da empresa está formado por unha persoa.