3.146 demandas en só nove meses nos xulgados de reforzo para as preferentes

Manifestación preferentes Pontevedra [Imaxe: @ponteinfo]

O TSXG informa das enormes cifras relacionadas coas demandas polo calote bancario, das que apenas se resolveu unha quinta parte e ás que hai que sumar as que se presentaron nos xulgados ordinarios.

Os xulgados de reforzo exclusivos creados para atender os casos derivados da estafa da venta de preferentes e subordinadas recibiron nos seus nove meses de funcionamento 3.146 demandas, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Delas, 1.768 foron recibidas polo xulgado de reforzo de Vigo e 1.378 polo da Coruña.

En Vigo, celebráronse 100 xuízos, sen contar as audiencias previas, e ditáronse 85 sentenzas, das que dous foron a favor das entidades bancarias. Ata o momento, segundo explica o TSXG, alcanzáronse 450 acordos entre os denunciantes e as entidades.Na Coruña, celebráronse 125 xuízos e ditáronse 97 sentenzas, das que tamén dous foron a favor das entidades. Ademais, alcanzáronse 392 acordos e houbo 199 conciliacións.

Os xulgados de reforzo situados nas cidades da Coruña e Vigo para facer fronte á presentación masiva de demandas relacionadas coa compra de preferentes e subordinadas entraron en funcionamento o 2 de setembro.