Unhas 30.000 labregas galegas non son titulares da explotación na que traballan

Imaxe do encontro

Non cotizan e carecen de dereitos e igresos propios. Unha cuestión que se tratou nunhas xornadas organizadas pola secretaría das Mulleres do SLG.

Calcúlase que en Galiza hai máis de 30.000 labregas que non son titulares da explotación na que traballan -e que normalmente está a nome do cónxuxe-. Unha situación que se traduce en que, polo tanto, non cotizan e carecen de dereitos e ingresos propios. A lei permite, e mesmo bonifica de diversas maneiras, a cotitularidade nas explotacións, mais esa medida non acaba de callar no rural galego: en outubro de 2016 só 17 mulleres solicitaron a cotitularidade. Esta foi unha das realidades abordadas nas xornadas que organizou a secretaría de Muller do Sindicato labrego galego (SLG) e que abordaron as violencias machistas no rural.

Como indica o propio sindicato, mentres que case o 80% dos homes conseguen cotizar eses 35 anos para poder cobrar o 100% da pensión de xubilación, só un 5'5% de labregas chegan a completar eses anos precisos.

“Se unha cousa quedou clara nesta xornada foi que a violencia contra as mulleres non é só dun tipo e non se limita ás agresións físicas ou, nos peores casos, á morte das vítimas”, afirman desde o SLG. “As mulleres sofren tamén outros tipos de violencia como a falla de servizos especializados, salarios máis baixos cós homes cando non carencia de recursos económicos, acoso, maltrato psicolóxico, discriminacións en todos os ámbitos, violacións, etc. Esta violencia estrutural agudízase no caso das mulleres que viven no rural, polo seu illamento e, no caso das labregas, pola súa profesión”.