As 53 primeiras empresas eólicas galegas xeran só 0,01% do total do emprego da Galiza

Xosé Henrique Vázquez, Belén Fernández-Feixoo, David Regades e Santiago Lago onte en Vigo na presentación do ‘Informe Ardán’ 2024. (Foto:Consorcio da Zona Franca de Vigo).

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou onte o Informe Económico e de Competividade Ardán Galiza 2024. O documento está considerado desde hai anos como un traballo referencia para coñecer a situación económica no país e do conxunto seu tecido empresarial.

As 53 primeiras empresas eólicas con sede na Galiza xeraron 0,01% do total de emprego do país en 2022, último ano con cifras. Así, o sinala o Informe Económico e de Competitividade Ardán Galiza 2024, promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e presentado onte na sede desa entidade polo delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e polos seus coordinadores, a profesora da Universidade de Vigo Belén Fernández-Feixoo e os tamén profesores na UVigo Santiago Lago Peñas e Xosé Henrique Vázquez.

Regades indicou que o relatorio “ten o propósito de contribuír á competitividade empresarial con instrumentos que xeren reflexión, diálogo e acción centrándose no volume de actividade do tecido da Galiza e no dinamismo por sectores e territorios, así como en factores como o rendemento e a produtividade, a capacidade innovadora, o acceso a mercados internacionais, a circularidade económica, a xestión do capital humano ou a incorporación do talento feminino nas compañías”.

O relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo só incorpora datos daquelas compañías con sede social na Galiza. Neste sentido, non achega cifras de emprego de moitos dos principais operadores enerxéticos con presenza no país, como son Iberdrola e Acciona, con enderezos a efectos fiscais en Bilbo e en Madrid. Porén, nestes dous casos, os traballos de mantemento son realizados a maioría das veces por empresas subcontratadas asentadas no país.

O Informe Ardán 2024 destaca que o sector eólico é un dos que rexistra maiores beneficios na Galiza. A este respecto, avanza que encabezou o incremento das ganancias empresariais en 2022, desvelando  que “o sector da produción de enerxía eléctrica de orixe eólica é o que presenta unha maior taxa de variación do valor engadido bruto (VEB) segundo a mediana, 55,44% en 2022, isto supón unha diferenza de case 26 puntos porcentuais respecto á taxa de crecemento agregada (81,18%)”

Un bo exemplo disto ofréceo o parque eólico Badulaque, cuxa autorización para esta semana anunciou na terza feira o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A instalación, proxectada nos concellos de Cedeira, Moeche e Valdoviño (Ferrolterra) e Cerdido (Ortegal) require dun investimento de 142 millóns de euros; porén, un estudo elaborado polo Observatorio Eólico da Galiza (OEGA) en 2023 sinalaba que o prazo de amortización do complexo sería inferior a tres anos.

O valor engadido bruto (VEB) é unha magnitude macroeconómica que determina os beneficios xerados nun sector da actividade económica. No caso da produción eólica, o Informe Ardán 2024 sitúa o VEB en 395,06 millóns de euros, tras cifrar os ingresos das 53 compañías do sector con enderezo na Galiza en 458,6 millóns de euros. Ao tempo, indica que os ingresos medio por traballador destas empresas foi de 1,83 millóns de euros e os beneficios por persoa ocupada alcanzou os 1,51 millóns de euros.

Os elevados beneficios das empresas eólicas contrastan co seu escaso número de empregados. A este respecto, o informe elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo desminte as cifras de ocupación ofrecidas pola Asociación Empresarial Eólica. Neste sentido, o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2022, promovido pola patronal estatal do sector e elaborado por Deloitte, sinala que nesa anualidade as empresas eólicas ocupaban na Galiza 3.760 persoas. 

As cifras recollidas polo Informe Ardán 2024 están na liña dos estudos elaborados por diversos especialistas e organismos. A este respecto, un informe publicado para 2022 polo Banco de España, titulado Do renewables create local jobs?, sinala que os parques eólicos non crean emprego naqueles concellos onde se instalan. Nesta dirección, apunta a que "non atopamos incrementos de emprego nos meses próximos á apertura de parques eólicos nos municipios onde se sitúan as instalacións". 

   

A profesora da área de Economía  Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e autora da primeira tese de doutoramento sobre o sector eólico na Galiza, Rosa Regueiro, sinala a Nós Diario que os proxectos eólicos crean emprego no proceso de construción e montaxe dos parques, mais unha vez entran en funcionamento o seu mantemento ocupa moi pouco persoal. Nesta liña, afirma que “na fase de construción dos parques precísase máis man de obra, unha man de obra rotativa e inestábel, e nos traballos de mantemento, menos emprego que, pola contra, é máis estábel e sostido no tempo”.

O profesor de Urbanismo e Ordenación de Territorio na Universidade de Granada e coordinador do volume Colonialismo Enerxético, Alberto Matarán Ruiz, é da mesma opinión. Nesta dirección, explica a Nós Diario que “tanto o Banco de España como os informes das grandes corporacións certifican que o emprego xerado polos megaproxectos de enerxías renovábeis concéntrase no proceso de construción e ten moi pouca repercusión no territorio”.

A especialización

A especialización produtiva da Galiza na xeración de enerxía eléctrica, un proceso iniciado no primeiro franquismo, non veu acompañada de impulso á creación de emprego nin serviu de imán para actividades industriais nin permitiu desenvolver actividades de valor engadido ligadas ao negocio eléctrico.

A economía circular é unha materia pendente das compañías galegas

O Informe Económico e de Competitividade  Ardán Galiza 2024 analiza a situación económica de 41.886 sociedades que alcanzaron en 2022 uns ingresos totais de explotación de 137.000 millóns de euros, un 9,4% máis que no ano anterior, e xeraron 32.135 millóns de valor engadido bruto (VEB), que supuxo unha achega ao produto interior bruto (PIB) da Galiza de 46%

As empresas obtiveron uns beneficios globais de 1.175 millóns de euros e achegaron 235 millóns vía impostos. Nesta dirección, a creación neta de postos de traballo foi de 6,28%, o que deixa unha comparativa do emprego respecto á situación previa á pandemia “dun posto de traballo novo por cada cinco en 2019”.

O relatorio da Zona Franca de Vigo tamén constata unha mellora das medias en actividade e eficiencia. O resultado neto de explotación medrou a un ritmo de 7,2% e o resultado do exercicio a 6,3%. A rendibilidade económica e a rendibilidade financeira alcanzaron rexistros tamén superiores aos do ano anterior, situándose en 3,99% e en 7,6%, logrando unha mellora na marxe de explotación, na rotación dos activos e na rotación das existencias.

O documento presentado onte advirte da debilidade do tecido empresarial galego no ámbito da circularidade. A este respecto, indica que “tres de cada catro empresas teñen por diante un amplo percorrido de mellora no ámbito da economía circular”. Ao tempo, resalta que “dentro das empresas que realizan un esforzo cara á circularidade, 20% atópanse nun estadio temperán”.