A CIG chama a frear o Partido Popular o 21-O

Concentración en Lugo
Máis de dúas mil persoas concentráronse no país esta sexta para rexeitaren os orzamentos presentados polo goberno español.

 

"Máis unha agresión á clase traballadora", así definen desde a CIG o anteproxecto de lei presentado a pasada quinta polo goberno español en que se recollen os Orzamentos xerais do Estado para o vindeiro ano 2013.

A vaga de recortes e axustes orzamentarios que vén de presentar o executivo español volve a "cargar os custos da crise sobre os servizos públicos e @s traballador@s", asegura Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG en Ourense. Mentres, salvagarda os intereses dos mercados financeiros aos que destina boa parte dos orzamentos en concepto de intereses da débeda.

O corte nas partidas destinadas a dependencia --en que se reducen 283 millóns de euros-- ensino e sanidade poñen en risco o mantemento duns servizos públicos atacados con dureza pola política de austeridade despregada desde o Partido Popular. Malia agardar á letra pequena do anteproxecto, desde a CIG non dubidan ao aseguraren que as medidas presentadas a pasada quinta "empeoran as condicións de vida da clase traballadora e mingua os seus dereitos", afirma Serafín Otero desde Vigo.

Otero: "As medidas presentadas empeoran as condicións de vida da clase traballadora"

Os Orzamentos que o goberno español pretende aprobar para o vindeiro ano, conxelan máis unha vez --e xa van tres-- os salarios d@s empregad@s públic@s e mingua de novo o seu poder adquisitivo, cuxa renda diminuíu nos últimos dez anos máis dun 34% verbo dos recortes no gasto público desenvolvidos desde o executivo español. Porén, desde a CIG aseguran que "aínda non é a realidade" senón que á espera do inminente rescate "virán máis".

Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG en Lugo, subliña a falta "de investimento produtivo" nos orzamentos, e lembra que as consecuencias serán nefastas pois "traerá máis paro e reducirá aínda máis o consumo". Para Ferreiro, fica claro que o 21-O "temos a oportunidade de frear estas políticas" e ao Partido Popular pois afirma "estamos a vivir unha verdadeira involución nos dereitos e a democracia".

Ferreiro: "O 21-O temos a oportunidade de frear as políticas do PP"

Perante a realidade que se aveciña nos vindeiros meses, a Confederación Intersindical Galega prepara asembleas nos centros de traballo cara a mobilización o vindeiro 4 de outubro --coincidindo co inicio da campaña electoral-- nas principais vilas e cidades do país. A central sindical, fai un chamamento á clase traballadora para aprobeitar a oportunidade que brindan as vindeiras eleccións galegas e frear as políticas do PP.