A Xunta destina perto de 3 millóns de euros para privatizar os seus servizos informáticos

Centrais sindicais, como a CIG, denuncian que a Xunta "non quere nin oir falar" de órganos de control deste proceso de privatización

 

A Xunta vén de adxudicar tres novos contratos de servizos informáticos da Axencia de Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) por valor de case 2.700.000 euros. As empresas Indra e Altia volveron ser as adxudicatarias de contratos neste sentido.

Por isto, a CIG entende que "mentres se ergue a bandeira da austeridade e a racionalización do gasto para todo o que teña que ver coa prestación directa de servizos públicos, para a súa privatización non existe ningún tipo de reflexión, nin análise, nin debate". Desde a CIG-Autonómica denuncian que a administración autonómica "ignora reiteradamente as nosas peticións para desenvolver estas funcións con recursos propios ou canto menos da súa posibilidade; por ignorar, ignora até as nosas demandas de información".

A central nacionalista lembra, e bota man dos datos da plataforma de contratación da Xunta, "que nos últimos 3 anos e medios foron case 35.000.000 euros os destinados a contratos informáticos sendo case sempre os afortunados unha das catro seguintes empresas: Indra, Altia, Plexus ou El Corte Inglés). Igualmente, neste período, foron máis de 4.000.000 € os destinados a licenzas de software privativo coas grandes multinacionais como Microsoft".