Abanca merca ao Popular por 39 millóns de euros a financeira do Banco Pastor

Pasará a integrarse en Abanca Consumer Finance, o que dará lugar á quinta financeira bancaria de consumo do estado español.

Abanca vén de fechar a compra por 39 millóns de euros de Popular Servizos Financeiros, a financeira de consumo do Banco Pastor. Pasará a se integrar en Abanca Consumer Finance, o que dará lugar á quinta financeira bancaria de consumo do estado español. Popular Servizos Financeiros ten un cadro de persoal de 91 empregados, 43 deles en Galiza.

Os obxectivos inmediatos da operación son, segundo Abanca, “acadar a cifra dun novo negocio superior aos 800 millóns nos vindeiros tres anos, situarse como líder no noroeste español e facer medrar o negocio nun período de ciclo favorábel en España e Portugal”.

Esta sección outorga financiamento ao consumo, automóbil, préstamos persoais e tarxetas de crédito e seguros. Abanca comprométese a manter todos os postos de traballo da empresa adquirida e mesmo aponta a unha ampliación de cadro de persoal en Portugal.

Popular Servizos Financeiros é de orixe galega (Pastor Servizos Financeiros) no segmento de crédito. Mantén máis de 15.000 acordos con comercios e concesionarios na península Ibérica, cunha alta xeración de clientes (500.000). A súa carteira de créditos anda nos 200 millóns de euros.