Acabar o mes faise máis costa arriba para os habitantes dos concellos pequenos

57% dos fogares nos municipios de menos de 10.000 habitantes recoñecen que chegar a fin de mes suponlle “dificultade ou moita dificultade”, unha porcentaxe que se reduce sensibelmente nos municipios de máis de 50.000 residentes, onde están nesa situación 48%, nove puntos menos.

No primeiro trimestre de 2017 máis da metade dos fogares de Galiza, un 51,8%, afirmaba que chegaban a fin de mes con dificultade (41,7%) ou moita dificultade (10,1%). Porcentaxe superior a aqueles que indicaban neste comezo de ano que o facían con facilidade ou moita facilidade (48,12%). Porén, esa realidade non é a mesma en todo o noso territorio e aprécianse nestes datos, da enquisa coxuntural do IIGE, diferenzas importantes segundo o tamaño do concello.

Así, naqueles municipios de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe de fogares con problemas para chegar a fin de mes é de case o 57%, mentres que os que acaban o mes con facilidade é o 43%. É unha realidade diferente da daqueles concellos con máis de 50.000 habitantes e onde os fogares con dificultades son o 48,5%. Nas localidades entre 20.000 e 50.000 residentes son o 47,8%. É clara a fenda a respecto dos concellos máis pequenos.

Loxicamente, esa diferenza dáse tamén ao falarmos dos fogares que chegan sen dificultades a final de mes. Son o 51,5% nos municipios de máis de 50.000 habitantes e case o 53% naqueles que teñen entre 20.000 e 50.000. Nos concellos cuxo número de residentes está entre os 10.000 e os 20.000, volven ser maioritarios os fogares con problemas para acabar o mes: un 55,2% fronte a un 44,8% que afirman que non teñen esas dificultades.

Fenda

Xa temos tratado en Sermos Galiza as diferenzas existentes en Galiza a respecto de rendas. Non só desde a perspectiva do tamaño dos concellos mais tamén das comarcas. Galiza ten unha fenda interna. Así se recolle no mapa de ingresos medios mensuais por fogar de Galiza, que indica que só 5 das 20 áreas en que divide o noso territorio acadan ou superan esa media, outras 15 fican por baixo. Este indicador sitúa ese ingreso medio mensual por fogar nos 1.915 euros para Galiza. Só ás áreas que inclúen algunhas das principais cidades de Galiza e a súa contorna superan esa media. A saber: as áreas da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo. Móvense entre o máximo de 2.111 euros de media por fogar na área coruñesa (abrangue as comarcas da Coruña e Betanzos) e os 1.915 da de Pontevedra.

Mais hai 20 áreas xeográficas que non acadan esa medias. Algunhas fican moi por baixo deses ingresos medios por fogar de Galiza, como son as de Ourense Sur (comarcas de  Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana). Aí eses ingresos son de 1.499 euros, un 30% inferiores aos da área da Coruña.