O alcalde de Vilanova, acusado de quebra-folgas das protestas dos seus veciños

Despedid@s da residencia Valle-Inclán abandonan o peche na Casa do Concello deste municipio arousá despois de que o rexedor, doPartido Popular, as ameazase con fortes sancións económicas, denuncian desde a CIG.

 

No Salnés, Durán-Durán non é o grupo de 'novos románticos' que desde Inglaterra conquistaran o mundo nos 80 da man dunha vaga de ombreiras e pelo cardado. Durán-Durán é o binomio formado por Gonzalo Durán (alcalde de Vilanova) e seu irmán José Juan Durán (á fronte de Portos de Galicia). PP en estado puro, como ten denunciado unha e outra e outra vez a oposición de esquerdas nesta biscarra da marxe sur da Ría de Arousa.

Valle-Inclán era a maior empresa da localidade. A CIG denuncia o escao interese do PP (no concello, na Deputación e na Xunta) por solucionar o conflito

Pois ben, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (con maioría absoluta desde hai mandatos) optou desta volta por engadir unha 'medalla' máis ao seu currícolo de mandatario do PP: colaborar no despexo de 39 traballador@s dunha residencia que estaban pechad@s no concello arousá en defensa dos seus dereitos.

“As 39 traballadoras despedidas da residencia Valle Inclán abandonaron o peche que mantiñan no Concello de Vilanova para reclamar unha xuntanza coa conselleira de Traballo despois de que o alcalde as ameazase con sancións económicas”. Esa é a denuncia da CIG.. O sindicato destaca “o nulo interese da Xunta do PP en solucionar un conflito laboral que provocou o peche da maior empresa da localidade”.

Dignidade

O cadro de persoal acumula meses e meses de loita na defensa dos seus dereitos. Unha loita que ten a súa exemplificación na oposición á represión sindical que, denuncia a CIG, exerce o seu xerente.