Alcoa ratifica a Goberno español e Xunta a súa proposta "final" e os traballadores votarán en referendo

Unha das mobilizacións do persoal de Alcoa exixindo solucións. (Foto: Arxina)
"Non hai marxe de negociación", sinalan desde a compañía, en relación a unha oferta que, defenden, "mellora o acordo para o reinicio da produción de aluminio, dando protección adicional aos traballadores e proporcionando un nivel de investimento maior".

Alcoa vén de notificar aos representantes do Goberno español e da Xunta da Galiza, coa participación do comité de empresa na reunión, que a proposta presentada á representación dos traballadores é "final" e que "non hai marxe de negociación" pola súa parte. A proposta, segundo reivindican fontes da compañía en declaracións a Europa Press, "mellora o acordo para o reinicio da produción de aluminio, dando protección adicional aos traballadores e proporcionando un nivel de investimento maior que no acordo actual".

A multinacional presentou a proposta a pasada terza feira ao comité e xa entón indicara que era "definitiva". Desde a compañía defenderon que a mesma "incrementa os investimentos" na planta de aluminio e supón "unha maior protección laboral" para o persoal, malia que tamén propón dilatar o arranque total da factoría.

En concreto, a empresa mantén o inicio do rearranque da produción de aluminio primario para o 1 de xaneiro de 2024, aínda que modifica o programa de rearranque a respecto do acordo orixinal. Segundo a proposta presentada, Alcoa tería cando menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e arrancaría 100% das cubas o 1 de outubro de 2025.

Durante ese período, o mínimo de cubas en funcionamento sería o maior de dúas opcións: 32 cubas ou o número de cubas que poidan manterse mediante os acordos de compra de enerxía (PPAs), até o momento en que poñan en funcionamento a totalidade das cubas. Desde o 1 de outubro de 2025, a produción mínima será de 75% da capacidade de produción total de 228.000 toneladas/ano até finais de 2026. A alúmina utilizada na planta de aluminio compraríase á refinaría de San Cibrao.

Resposta do comité

Pola súa parte, o comité constatou que Alcoa "non se move" da súa proposta final, a pesar dos intentos dos representantes dos traballadores, que pediron "entrar a valorar meter a planta de alúmina e as empresas exteriores, tanto transportes como subministracións".

O presidente do comité, José Antonio Zan, indica que os gobernos se comprometen a "facer un seguimento do novo acordo se o houbese" ou "volver sentar ás partes" se non fose así. O avogado do Estado ve "legal" o acordo, apuntou.

Así as cousas, o comité convoca unha asemblea de traballadores para a próxima segunda feira, día 30, ás 11 horas e posteriormente levará a cabo un referendo, entre a terza e a sexta feira, "para saber o que pensa" o persoal.