Altri consumiría na construción da macrocelulosa máis auga ao día que todo Palas de Rei

Peregrinas e peregrinos, en Palas de Rei, que triplica a súa poboación no verán debido ao turismo. (Foto: M. M.)
As obras da pasteira que pretende instalar Altri na Ulloa consumirían máis auga ao día que toda a veciñanza de Palas de Rei. A empresa di que tentará utilizar os pozos do predio de Quintas ou conectarse á rede de abastecemento dun dos concellos veciños. Ademais, contempla captar a auga do Ulla. Practicamente a totalidade de Concellos da zona alegaron contra os impactos das obras.

Segundo os datos recollidos no proxecto de Altri para a construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa), a empresa precisaría ao día durante o período de construción da planta, que abranguería entre tres e catro anos, un total de 550 metros cúbicos de auga (550.000 litros) diarios para poder acometer estes traballos. Serían máis de 100.000 litros de auga a maiores dos que consome cada día todo o concello de Palas de Rei. 

En concreto, a veciñanza de Palas de Rei consome a diario, de media, 436.750 litros de auga. No caso de Altri, no proxecto publicado o 4 de marzo de 2024 no Diario Oficial da Galiza (DOG) pola Secretaría Xeral de Industria da Consellaría de Economía, a empresa asegura que en canto ás necesidades de auga potábel “durante o período pico de construción e montaxe, a demanda máxima de auga potábel para a subministración da planta podería chegar a ser de até 350 m³/día para usos de aseo e consumo, e de 150 m³/día para lavar equipamentos e humedecer a rúa (para evitar po) entre outros usos”. 

Para facer fronte a este consumo de auga, Altri sinala no seu proxecto diante da Xunta da Galiza que tentará utilizar a auga “dos pozos existentes no predio de Quintas [onde instalaría a celulosa] ou, se for necesario, captar do río Ulla. Considérase que será necesario un caudal de 50 m³/día para cubrir as necesidades de abastecemento de auga potábel para uso sanitario durante a fase de operación da planta, a partir da conexión á rede de auga potábel dun dos concellos veciños”.

A primeira das opcións que manexa Altri para o abastecemento da auga que precisaría para a fase de construción non achega datos arredor dos pozos no predio de Quintas, “non os hai e eles non achegan ningún”, sinalan biólogos da zona, que advirten ademais de que o efecto de extracción de auga subterránea “podería ser devastador para as zonas anexas á planta, principalmente para o monte de Basadre (Agolada), que se atopa dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura, e para as especies ameazadas que alí sobreviven”, sinala o biólogo Xurxo Mouriño.

As outras opcións que nomea o proxecto da empresa portuguesa serían a captación da auga directamente do Ulla ou ben conectarse á rede de abastecemento de auga potábel dalgún dos concellos veciños. Trátase dos concellos de Melide, Palas de Rei e Santiso. Tanto Melide como Santiso téñense posicionado en contra da instalación da macrocelulosa e contra os efectos que tería esta planta nos seus territorios e ambos presentaron alegacións contra o proxecto diante da Secretaría Xeral de Industria. No caso do concello de Palas de Rei, o seu alcalde, Pablo Taboada (PP), asegurou no mes de marzo a Nós Diario que os técnicos municipais estaban a estudar o proxecto diante da posibilidade de presentar alegacións a aspectos concretos do mesmo. Finalmente, o Concello de Palas de Rei non presentou alegación ningunha.

Restricións na zona

As necesidades de recursos hídricos que demanda Altri contrastan, nun contexto de cambio climático, coa situación de abastecemento nas comarcas da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa. De feito, o Concello de Melide vén de pór en marcha unha campaña veciñal para concienciar arredor da necesidade de aforrar auga. Melide, o mesmo que Arzúa e Palas de Rei, duplica e mesmo triplica a súa poboación nos meses de verán tanto pola afluencia de turistas como polo feito de ser epicentro dun dos tramos máis populares do Camiño Francés a Compostela.

En 2022, Melide e Arzúa tiveron que restrinxir o uso da auga debido á seca

En agosto de 2022, os concellos de Melide e Arzúa víronse obrigados a restrinxir o uso da auga entre a veciñanza, unhas restricións que se mantiveron preventivamente en setembro dese mesmo ano para evitar medidas máis drásticas. Daquela, o incremento do consumo de auga provocado polo aumento da poboación nos meses do verán e a escaseza de choiva levaron as autoridades a prohibir o uso de auga para o rego, as piscinas ou o lavado de coches e fachadas, entre outros usos. 

Os alcaldes da zona saben dos problemas presentes e futuros arredor do abastecemento de auga, por iso estaban a traballar, cando Altri irrompeu na zona, nun proxecto conxunto de captación do encoro de Portodemouros para garantir o abastecemento á poboación en concellos como Arzúa, Melide, Agolada, e outros moitos, até mesmo Santiago de Compostela, segundo explicou a Nós Diario o rexedor de Arzúa, Xoán Xesús Carril (BNG). 

No caso de Melide, preocupa pola súa proximidade con Palas de Rei, o feito de ser os destinatarios da captación de auga de subministro que Altri pretende no seu proxecto, 50.000 litros de auga diarios da rede de auga potábel municipal, nun concello que alertou sobre o impacto que provocaría no municipio non só a captación de auga para as obras senón o paso de máis de 60.000 camións ao día ou o feito de prestar servizos ás 4.000 persoas que a empresa proxecta que traballarán nas obras de construción da macrocelulosa.

Melide "non ten capacidade" de subministro

Concellos como Melide, Arzúa, Santiso ou Agolada expresaron xa a súa preocupación polos impactos no seu territorio do proxecto de Altri, os impactos do funcionamento da que sería a maior macrocelulosa de Europa pero tamén os efectos que produciría na contorna soportar catro anos de obras, tráfico, captación de auga potábel, vivenda e servizos. 

O Concello de Melide xa alegou explicando que “na documentación recóllese a necesidade de dispor de auga potábel para o uso non industrial das instalacións do PIE (oficinas, consumo humano, aseos, etc.), expoñendo a posibilidade de conectarse á rede de Melide ou de Palas”. 

Diante desta pretensión da empresa, o consistorio expón que se atopa “tramitando una modificación das súas Normas Subsidiarias para dotarse de solo industrial. Para valorar a dispoñibilidade do subministro de auga requiriuse un informe á empresa concesionaria. O informe emitido pola empresa concluía que a demanda de auga superaba a capacidade de tratamento e de reserva de auga en 24 horas, polo que suxería a realización dun estudo de cara a ampliar a capacidade da ETAP e os bombeos”. Por iso “o Concello de Melide non ten capacidade para dar subministro de abastecemento as instalacións do PIE”.