Amancio Ortega gasta en edificios de luxo 735 millóns de euros en só vinte días

Amancio Ortega

O dono de Inditex inviste en menos dun mes unha cantidade que multiplica por tres o orzamento galego para dependencia de todo o ano após mercar inmobles no centro de Londres ou Madrid.

 

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, gastou en edificios en menos dun mes 735 millóns de euros, unha cifra equivalente ao 82% do que ingresou por dividendos da multinacional con sede en Arteixo en 2014, cando se embolsou uns 894 millóns de euros como retribución da compañía téxtil. O gastado por Ortega en inmobles en só vinte días multiplica -por exemplo- case por tres o orzamento anual da Xunta para persoas dependentes (278 millóns). 

A primeira fortuna do Estado dirixe a súa mirada ás zonas máis luxosas das capitais mundiais e, segundo informou a axencia Europa Press, iniciou 2015 coa compra do inmoble que acolle a Rio Tinto en Londres por 335 millóns de euros, á que se sumou despois a adquisición por uns 400 millóns de euros do edificio Gran Vía 32, en Madrid, que contará coa tenda máis grande de Primark en España e outros inquilinos como HM, Mango ou a Cadena Ser.

Coa compra do edificio de Gran Vía, o fundador de Inditex regresa ao mercado inmobiliario de Madrid, onde en decembro de 2011 culminou a súa última gran compra coa adquisición da Torre Picasso, un dos edificios máis emblemáticos da urbe, a FCC por 400 millóns de euros, a mesma cifra que pagou agora por este último inmoble na capital, cuns investimentos de enormes cantidades que chaman a atención nestes tempos de crise no que crecen as desigualdades sociais. Os impostos  que paga Inditex non se xestionar desde Galiza, malia ser onde ten a súa sé.