Amancio Ortega, o máis rico de Europa cunha fortuna que equivale ao 87 de todo o PIB de Galiza

Amancio Ortega

A fortuna do fundador de Inditex é de 48.000 millóns de euros. O Produto Interior Bruto do noso país foi en 2013 de 55.209 millóns.

 

Amancio Ortega é o home máis rico de Europa, segundo o ránking elaborado polo banco suízo Julius Baer. A súa fortuna ronda os 48.000 millóns de euros. E a súa filla, Sandra Ortega, é a sétima muller máis rica do continente, cunha fortuna de 5.200 millóns de euros. Entre os dous poderían comprar toda Galiza. Suman 53.200 millóns de euros. O Produto Interior Bruto do noso país en 2013 foi duns 55 mil millóns de euros.

O fundador de Inditex é xa un habitual neste tipo de listaxes e rankings. Nesta do banco suíza lidera a táboa dos máis ricos de Europa sen dificultade, por diante do sueco Ingvar Kamprad (fundador de Ikea), que ten 34 mil millóns de euros. O terceiro posto é para Bernard Arnault (propietario de LVMH), con case 25 mil millóns de euros.

O 10% máis rico dos fogares europeos posúe máis da metade da riqueza do continente

Canto ás mulleres máis ricas, a listaxe encabézaa Liliane Bettencourt (propietaria de Lóreal) con 25.100 millóns de euros, seguida de Susanne Klatten (BMW), con 13.100 millóns de euros.

Aliás, nese informe sinálase que o 10% máis rico dos fogares europeos posúe máis da metade da riqueza do continente, mentres que a metade con menos riqueza dispón de menos do 10% da riqueza total europea.