A ampliación do dereito á redución de xornada "alenta a volta das mulleres ao lar"

Denúnciao CIG-Muller, quen reprocha do Goberno español que intente tapar o desmantelamento da rede pública de servizos sociais prolongando dos 8 aos 12 anos o periodo para @s traballador@s se acolleren á redución da xornada laboral para o coidado de crianzas.


A ampliación até os 12 anos do periodo en que unha nai ou un pai pode solicitar a redución de xornada por coidado de crianzas agocha "máis unha discriminación" para as mulleres que deciden ser nais: que só asinen contratos a tempo parcial. Denúnciado CIG-Muller após analizar o decreto-lei que o Goberno español presentou en rolda de imprensa a finais de decembro de 2013 e que xa foi publicado no Boletín Oficial do Estado. 

Presentado pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, como a panacea da integración delas no mercado laboral e da creación de emprego porque será necesario contratar outra traballadora para compensar a redución de xornada de quen se acolla ao permiso agora ampliado en catro anos, a federación que na central nacionalista encabeza Margarida Corral pón o acento en que o Executivo de Mariano Rajoy "está a obviar" que a fórmula da contratación a tempo parcial "supón unha menor protección social para o futuro, polo que terá efectos negativos na súa xubilación". En consecuencia, fomentar que as mulleres se acollan á redución de xornada é "unha discriminación indirecta por razón de sexo".

Alentar o regreso das traballadoras ao lar

Aliás, o ministerio de Emprego non ampliou a protección social dos e das proxenitor@s que se acollan a este permiso a partir do segundo ano, namentres o seu salario se reducirá durante 12 anos, o tempo máximo en que se poderían acoller a esa redución de xornada. En consecuencia, CIG-Muller destaca que a conciliación da vida familiar, persoal e laboral "non pode identificarse en exclusiva cunha política de permisos" que na actualidade son aínda "insuficientes", malia todo. O que pretende o Goberno español con esta ampliación de 8 a 12 anos do periodo para o coidado de crianzas é descarregar nos ombreiros das mulleres que deciden ser nais a responsabilidade dos coidados após desmantelar a rede pública de servizos sociais. 

Fronte a esta medida, a primeira despois da reforma laboral que se emprende baixo o argumento de "favorecer a contratación estábel e mellorar a empregabilidade", hai outras que fican na gaveta, tales coma a ampliación do permiso de paternidade --que a Lei de Igualdade de 2007 contemplaba até as 4 semanas-- e do permiso por maternidade --que segue nas 16 semanas--. Tampouco se incrementou a protección no caso da redución de xornada por coidado de familiares --que segue nun ano--. Por todo isto, CIG-Muller interpreta esta nova medida como máis unha estratexia "que alenta a volta á casa das mulleres".