Ana Pastor recoñece que non ten intención de recuperar a AP-9 para o Estado

AP-9

A titular de Fomento intenta afastarse da concesión até 2047 que ten Audasa grazas ao PP e asegura que está preocupada polas peaxes e as queixas pero négase a calquera actuación pública para pórlle remedio aos excesos e eivas das autoestradas galegas.

A ministra de Fomento do Goberno central, Ana Pastor, asegurou que o suposto expediente aberto á concesionaria da AP-9, a multimillonaria Audasa, inclúe unha "auditoría global" sobre peaxes pero acabou recoñecendo que no seu departamento non existe a mínima idea de recuperar a concesión e devolvela ao espazo público, malia certas tensións rituais que se viviron, só a nivel de declaracións, durante o verán.

"Calquera actuación sobre as taxas repercute", afirmou Pastor, negando parte do discurso que manexou o propio PP durante os conflitos na AP-9 no verán

En declaracións aos medios tras asinar un convenio coa Xunta sobre vivenda, á pregunta de se barallan a supresión dalgunha peaxe ou mesmo, tal e como afirmaron os populares galegos na prensa afín, que os turismos non paguen, a ministra -pertencente ao círculo máis achegado a Rajoy- indicou que "nestes momentos" o Ministerio de Fomento "centra os esforzos na calidade do servizo" e recordou que calquera actuación nas taxas repercute nos impostos “de todos os españois”. Ou sexa, que non actuará.

"Eu non son a que fixo unha concesión ata o ano 2047 e, polo tanto, o que estou facendo é intentando mellorar na medida do posíbel o servizo", dixo Ana Pastor, ministra tamén do espazo que está posto en polémica polas eivas de seguridade ferroviaria que poderían ter influído na traxedia de Angrois. Ademais, a dirixente do PP esqueceu que a ampliación da concesión privada da autoestrada realizouse co Goberno de José María Aznar, no ano 2000.