Arden tres camións de transporte de leite ao pé de Logística Alimentaria, en Outeiro de Rei

Cisterna queimada en marzo en Frades

A Garda Civil investiga os feitos. O sector ten denunciado que esta factoría importa leite foráneo. Nesta noite tamén se incendio unha cisterna na Pastoriza

Tres camións-cisterna para transporte de leite arderon na madrugada da quinta á sexta feira no lugar de Santa Mariña, en Outeiro de Rei, lugar onde ten as instalacións antes Pascual e agora a factoría Logística Alimentaria, segundo recolle Europa Press. Sobre as 1,45 horas un particular avisou os servizos de emerxencia de que estaban a arder varios vehículos.

Até alí mobilizáronse Bombeiros de Vilalba e efectivos da Garda Civil. Un dos tres camións ardeu por completo, mentres que nos outros dous as lapas só afectaron aos depósitos do leite.

Desde os gandeiros tense sinalado as sospeitas sobre Logística Alimentaria como unha importadora de leite foráneo. Hai uns días, produtores concentráronse perante esta industria para denunciar baixos prezos e a importación de leite de fóra.

Unha cisterna de Reny Picot apareceu queimada tamén na noite pasada na Pastoriza (Lugo), un acto que voces do sector enmarcan dentro das accións de boicot que parte dos gandeiros están facendo pola súa conta. 

A comezos do mes de marzo, un incendio intencionado calcinou unha cisterna de 'Leche Río' que estaba estacionada en Abellá, no concello de Frades.