As rúas da Galiza encheranse polo emprego público
Esta segunda, a Confederación Intersindical Galega (CIG), CC.OO e UGT, convocan máis unha xornada de reivindicación a prol do emprego público e contra a política de recortes do Partido Popular. Após o pasado 19 de xullo, en que as centrais sindicais conseguiron masivas mobilizacións en toda Galiza contra as medidas de axuste aprobadas polo goberno español, as organizacións sindicais volven saír á rúa para defender @s traballador@s da administración pública. Tanto a CIG, CC.OO e UGT fixeron un chamamento á cidadanía galega a participar masivamente nas mobilizacións convocadas este 30 de xullo nas sete principais cidades e vilas do país.
As centrais sindicais maioritarias, e outras organizacións de traballador@s, convocan manifestacións nos seguintes lugares:
- A Coruña, saída ás 19:30 horas da praza de Pontevedra
- Ferrol, saída ás 20:30h da praza de España
- Santiago de Compostela, saída ás 20:00 horas da praza Roxa.
- Lugo, saída ás 20:00 horas do edificio administrativo da Xunta.
- Ourense, saída ás 20:00 horas do pavillón dos Remedios.
- Pontevedra, saída ás 20:30 horas da praza da Ferreiría.
- Vigo, saída ás 20:30 horas da vía Norte.
Do mesmo xeito, os colectivos feministas fixeron un chamamento a toda a cidadanía a secundaren as mobilizacións co gallo das declaracións do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, en que aseguraba, non só a repenalización do aborto, senón a involución lexislativa cara a tempos anteriores a 1985. O movemento feminista berrará alto e forte nas manifestacións desta segunda: aborto libre e gratuíto!