Así cambiou o que producimos as galegas no agro: menos cereais, patacas ou tomates; máis millo forraxeiro

O prezo do cereal é chave para o sector agrogandeiro galego. (Foto: Xoves Photo)
Entre 2015 e 2023 aumentou a produción de froita mais baixou a de cebola.

O agro galego en 2015 e en 2023 presentan diferenzas, tamén no que respecta ao que se produce. Os datos que comprende ‘A Economía Galega 2023’, estudo elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galiza (Idega), mostran cambios e mudanzas.

Así entre eses anos pasouse a producir menos cereais en gran e máis millo forraxeiro; menos tomates ou cebolas e máis froita; menos patacas e máis leitugas....

En 2015 producíronse 208.900 toneladas de cereais en gran, unha cifra que o ano pasado foi de 151.300, unha diferenza de 28%. Nesta categoría desendeuse en trigo -15.000 toneladas menos- e en millo (-44.000 toneladas entre 2015 e 2023) mais subiuse en centeo (até as 14.500 t.).

Tamén se baixou nas leguminosas en gran, que no mesmo período pasaron de 4.400 toneladas a 3.000. E na pataca, un dos produtos icónicos do campo galego. En 2015 a produción superara o medio millón de toneladas, en 2021 era de 381.000 e o ano pasado foi de 321.700 toneladas.

Tamén mudou a produción nas hortalizas, que no seu conxunto perderon peso. Eran 271.600 tonelada sen 2015 e agora non chegan a 245.000. Neste grupo, o tomate e a cebola concentraron a baixada produtiva: de case 100.000 toneladas a 75.300 no primeiro e de 41.000 a menos de 30.000 no segundo.

Pola contra, aumentou a produción da leituga (+3.000 t.), mentres que o pemento e o fexión verde rexistraron ,ixeiras variacións.

En froitas, aumentou a produción de mazá (de 112.000 toneladas a 117.000) e a de pera mantívose en torno a 9,5000 toneladas.

A actual superficie agraria útil (SAU) na Galiza, a respecto da de 2008, caeu en 2,7% (22.786 hectáreas menos) como consecuencia principalmente dunha redución de case 10% no caso das terras de cultivo: 386.650.000 metros cadrados menos