Até cando poderán as gandarías reclamar as perdas derivadas do cártel do leite?
As gandarías afectadas polas prácticas do cártel do leite que un importante grupo de empresas lácteas formou para intercambiar información comercial e pactar prezos entre os anos 2000 e 2013, segundo confirmou a Audiencia Nacional, poderán "reclamar con solidez" até o próximo 24 de setembro a devolución de entre "tres e catro céntimos por cada litro vendido" no devandito período, así como os xuros derivados.
Así o confirmaron esta quinta feira en Lugo representantes do bufete xurídico Eskariam, especializado en litixios contra grandes multinacionais e que participou no expediente administrativo na Audiencia Nacional, nunha rolda de prensa convocada xunto á asociación Agromuralla.
Roberto López, portavoz desta organización, foi o primeiro en intervir e cualificou como "un paso moi importante para o sector" o recoñecemento por parte da sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional -comunicado o pasado 21 de febreiro- da existencia dun cártel das lácteas confirmando así a resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CMNC) en 2019.
A continuación tomou a palabra Juan Álvarez, responsábel de negocio de Eskariam, que representa actualmente na súa demanda uns 7.000 gandeiros e gandeiras, e detallou todos os pormenores do proceso pola "vía civil" polo que as explotacións van poder reclamar ás industrias lácteas, dixo, "aquel diñeiro que lles pagaron de menos ao comprarlles o seu leite".
Recurso ante o Tribunal Supremo
"É altamente probábel que as industrias lácteas recorran ante o Tribunal Supremo a confirmación da Audiencia Nacional", recoñeceu o responsábel de Eskariam, mais "dificilmente vai cambiar a situación", concluíu.