Jaime Cabeza

"A economía galega atópase nunha situación de estancamento"

Hoxe en Venhan Máis Cinco conversamos con Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade de Vigo. 

-Como avalías o estado actual da economía galega?
-De estancamento. As constantes fundamentais permanecen invariábeis. Non temos dados actuais e expresivos da situación de pobreza pola que atravesan moitas persoas en Galiza, pero as impresións non son boas. A taxa de ocupación segue a ser moi baixa, en particular a das mulleres. A produtividade apenas mellorou. O poder público non fai ningún esforzo útil de acompañamento ao desenvolvemento económico.

-Que evolución agardas no plano económico/laboral galego a cinco anos vista?
-Cumpriría aproveitar a mellora da situación económica. Sería importante que as retribucións melloraran substancialmente nos convenios colectivos para recurtar o diferencial que hai no Estado. O poder público tería que plantexar medidas integrais de loita contra a pobreza cualitativamente adaptadas á nosa realidade. É urxente plantexar medidas reactivas contra as nosas moi baixas taxas de emprego.

De Sermos espero algo máis de apertura á sociedade civil e que saliente os bos exemplos de iniciativas privadas da nosa realidade

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
-Espero algo máis de apertura á sociedade civil. Por suposto, que afonde na súa dimensión de defensa activa da nosa identidade nacional e cultural, pero que ao mesmo tempo mellore a súa pegada de contestación ás políticas macro e microeconómicas das diferentes Administracións territoriais. E que saliente os bos exemplos –que os hai, e moitos- de iniciativas privadas na nosa realidade.