A conserveira Atunlo solicita entrar nun concurso de acredores

Instalacións en Vigo (comarca homónima) da conserveira. (Foto: Atunlo).
A compañía xa presentara en decembro un ERE para 136 persoas.

A conserveira galega Atunlo presentou esta terza feira no Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, unha solicitude de concurso de acredores, afondando así a mala situación que vive, xa que o pasado mes de novembro entrou en preconcurso para tratar de reestruturar a súa débeda e garantir a viabilidade da compañía.

Ademais, o pasado decembro, esta compañía presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para 136 traballadoras e traballadores da factoría que ten no Grove (O Salnés), o 90 por cento do persoal.

En Santoña (Cantabria) hai 84 traballadores e máis de 200 en Cambados, as oficinas de Vigo e outras instalacións en países como Portugal e Cabo Verde. 

Problema empresarial

Na actualidade, o Xulgado está a revisar a documentación achegada por Atunlo, polo que cabe esperar uns días para que se publique a resolución que dá comezo á tramitación do concurso, sempre que toda a documentación sexa correcto. Fontes sindicais explicaron que o problema radica nas "tensións" existentes entre os socios da compañía que son Inpesca (40%), Coper (40%) e Marpesca (20%).

"O problema é puramente empresarial, está na matriz de Vigo, polas tensións entre os socios. Parecía que habería un principio de acordo entre as tres partes e agora parece que os vascos (Inpesca) dan marcha atrás e inician o concurso", engadiron as mesmas fontes.

O sector conserveiro galego, malia o aumento de beneficios como foi o caso de Jealsa -que fechou 2022 cunhas ganancias por valor de 49,3 millóns de euros- segue sen asentarse. En abril, traballadoras da fábrica de Pescanova en Cambados (O Salnés) reclamaban cobrar os salarios atrasados dos anos 2021, 2022 e 2023 e pagar só aqueles que se reclamaron pola vía xudicial.