A Audiencia Nacional dá a razón ao cerco no seu contencioso contra o reparto de cotas fixado polo Estado

 Andrés García, de Acerga, convida o goberno a “tomar nota” da resolución e “escoitar máis o sector do mar”.

 A sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional vén de resolver a favor do recurso presentado pola Asociación galega de armadores do cerco de Galiza (Acerga) contra a orde de 2014 que fixaba o reparto de cotas para o 2015. Unha “boa nova”, recoñece Andrés García, voceiro de Acerga, que lembra que o goberno español pode recorrer a sentenza perante o Supremo. Porén, García convida o executivo español “a tomar nota” da resolución e “decatarse” que non se pode lexislar sen ter en conta o sector do mar. O recurso foi presentado contra os criterios que fixan o reparto das cotas en 2015 no caladoiro Cantábrico-Noroeste. Esa campaña xa finalizou mais desde o sector valoran que esta resolución serve para indicar como pode resolverse o recurso que teñen contra o reparto para 2016.

 En ambos os dous casos, o posicionamento dos cerqueiros galegos é que o reparto “non é válido”. Explícao Andrés García: “Fan o reparto baseando o 70% en histórico de capturas e o outro 30% por buque e compoñente socioeconómico”, o que consideran que é discriminatorio para coa frota galega. Acerga defende un reparto que se basee en barco e número de tripulantes. Gran parte do sector galego foi desde o principio moi crítico co reparto fixado en Madrid, nomeadamente para especies como xarda e xurelo. Consideraban, e consideran, que o mesmo prexudica e damnifica a Galiza pois prima criterios históricos e non de barcos e tripulantes, o que se traduce a que o noso país ten, malia posuir moitos máis buques e mariñeiros, cotas irriosorias.

En abril deste ano Acerga presentou un recurso no Tribunal Xeral da Unión Europea en Luxemburgo pedindo a anulación do reparto de TAC e de cotas por etender que prexudica “gravemente” a Galiza, unha “rexión europea altamente dependente da pesca”.