ANÁLISE

Baixa o petróleo un 45% mais a gasolina só un 10%. Quen gaña e quen perde?

O barril de Brent, referencia do petróleo en Europa, págase por primeira vez en 5 anos por baixo dos 60 euros. Mais ese importante descenso apenas repercute no combustíbel.

 

@s economistas adoitan falar do ‘foguete’ e a ‘pluma’. Cando o prezo do barril de Brent, que é a referencia para o petróleo en Europa, aumenta, a cotización da gasolina reacciona ao momento, como un ‘foguete’. Mais cando o barril de Brent baixa de prezo, a gasolina tarda en descender, facéndoo amodiño, como cando cae unha ‘pluma’. Unha teoría que volve a se demostrar empiricamente nestaS semanas: o prezo do barril de Brent caeu por riba do 45% desde inicio do verán, cotízase xa por baixo dos 60 euros, a máis baixa dos últimos cinco anos. Mais o descenso na gasolina anda polo 10%. Cada euro que se rebaixa ao crú, como sinalan portais económicos, implica unha rebaixa de apenas 10/15 céntimos no consumidor.

O propio ministro De Guindos fixo un chamamento ás gasolineiras a que reducisen o prezo do combustíbel. E Competencia amosaba a finais de novembro o seu malestar polo feito de que os prezos da gasolina descenderan no Estado español só un 3,4 por cento, mentres nos mercados internacionais baixaran máis dun 9 por cen.

As gasolineiras, logo, apenas trasladaron ao consumidor as baixadas de prezo en orixe. Hai quen apunta a que isto deriva da depreciación do euro a respecto do dólar (divisa de referencia para o crudo). Porén, desde a Comisión de Competencia sospeitan máis ben da existencia dunha coordinación de prezos entre as gasolineiras para manter os prezos “artificialmente alto”, como afirman en El Economista.

Desde a Comisión de Competencia sospeitan máis ben da existencia dunha coordinación de prezos entre as gasolineiras para manter os prezos “artificialmente alto”

AOP, a asociación de operadores de produtos petrolíferos, afirma que nesas acusacións esquécese o alto volume de impostos que gravan o combustíbel e que fan que se parta dunha base moi alta de prezo. Competencia lembra que, antes de impostos, a gasolina e gasoil xa ten prezos moito máis altos que no resto de Europea: as gasolineiras perciben 35 céntimos por litro máis que no promedio da UE e 30 céntimos máis por cada litro de gasóleo.

Liberalización do mercado e prezos na Galiza

O xornalista Manuel Sola lembraba que houbo un tempo no que Galiza era dos territorios do Estado coa gasolina máis baixa, pero iso foi antes de 1998. Nese ano procedeuse á liberalización do mercado dos carburantes (até entón un monopolio en mans de Campsa). Curiosamente, e malia esa liberalización, en dous anos Galiza xa tiña o prezo da gasolina máis cara de todo o Estado español. Posto que adoita manter desde aquela.

Na Galiza hai 607 estacións de servizo (no Estado, 10.424 a finais de 2012). O 48% corresponden directamente a Repsol e Cepsa. A portuguesa Galp é a cuarta (47 estacións). O que apenas hai no país son as gasolineiras 'low cost' (asociadas a grandes áreas comerciais) e que no conxunto do Estado español son o 15% do total.

As tres grandes petroleiras que operan no Estado español

As tres grandes petroleiras que operan no Estado español son Repsol, Cepsa e British Petroleum (BP). O proceso de desmonopolización que culminou a finais dos 90 levou a que moitos activos de Campsa (a empresa que administraba o monopolio estatal de petróleos) acabasen en mans desas tres petroleiras, sobre todo en Repsol. As tres teñen sido investigadas e multadas pola Comisión de Competencia por pactar prezos. Multas que apenas supón castigo algún nas súas abastadas contas de resultados. Repsol ten o 39 % das estacións de servizo españolas. Cepsa posúe o 17 % e BP, por volta do 8 por cento. Os principais accionistas de Repsol son Caixabank, Sacyr e Pemex (entre as 3, o 33%). Un 57 por cento do capital social cotiza en bolsa.

No que atinxe a Cepsa, @s propietari@s da segunda petroleira española cambiaron considerabelmente desde 2009. Daquela eran a petroleira francesa Total Fina, o Banco Santander e Unión Fenosa. En 2011, o fondo árabe IPIC de Abu Dhabi fíxose co 100 % do capital.