Piden que se clarifique o futuro de NGB e o seu plantel de traballador@s

Delegad@s da CIG concentráronse ante a Xunta para exixir transparencia sobre o futuro de Novagalicia Banco (NGB) e que se manteñan os empregos

Delegad@s da CIG en Novagalicia Banco (NGB), Banco Gallego e empresas auxiliares concentráronse esta quinta en San Caetano, sede administrativa da Xunta de Galiza, nunha mobilziación mediante a cal exixían a entidade e goberno galego transparencia e información sobre o futuro deste grupo, alén de defender que se manteñan os 6.000 empregos.

Clodo Monteiro, da CIG-Banca, sinalou que nas últimas horas volveu porse riba da mesa, por parte de axencias internacionais, que podería darse unha liquidación parcial da entidade financeira. "Mais desde a dirección non se nos informa de nada", apunta. Ao mesmo tempo, Joaquín Almunia, comisario de Competencia da Unión Europea, aborda co goberno central a reestructuración do mercado financeiro galego. "E de todo iso, non temos información".

Importancia

Desde a CIG lembran que se están a negociar cuestións moi importantes, "polo que terían que facerse cun mínimo de transparencia e dar vozo aos e ás traballadoras".

Ao tempo, o sindicato nacionalista chama ao goberno galego, "que nos meteu neste lío, cunha fusión que foi unha demolición e privatización das caixas", a defender en Bruxelas que NGB é "sistémica para Galiza".