Mar

Os barcos galegos terán que abandonar augas de Guinea Bissau esta sexta feira

Un barco galego en San Vicente de la Barquera, Cantabria. (Foto: Europa Press)
A Unión Europea non ratificou aínda o novo acordo co estado africano.

Os barcos galegos que operan en Guinea Bissau terán que abandonar o caladoiro a partir da medianoite desta sexta feira, cando expira o acordo de pesca vixente entre ese país africano e Bruxelas. Segundo fontes do sector, quedan tres días para que finalice o marco actual e aínda non se ratificou o novo documento que xa está acordado mais sen a ratificación da Unión Europea (UE). 

Segundo confirmou o presidente da Asociación Nacional de Buques Conxeladores de Pesca de Cefalópodos (Anacef), Francisco Freire, “non hai novidades, polo que os barcos abandonarán o caladoiro o 14 de xuño a medianoite". Na zona traballan catro barcos conxeladores da súa asociación e hai máis buques do resto do Estado español. Para Anacef, a alternativa pasa por desprazarse a Senegal ou a Mauritania, xa que son outros dous países cos que a UE mantén tratado de pesca e acostuman operar alí os seus barcos.

Con todo, no primeiro caso, estase nun "momento complicado", debido aos avisos realizados por Bruxelas ao país pola súa actitude laxa contra a pesca ilegal. Así mesmo, en Mauritania o acordo con Europa contempla a descarga do peixe en portos do país africano. Antes, había unha ruta que transportaba de maneira regular os contedores até Canarias e de aí até a Galiza. Ese percorrido cortouse o ano pasado, polo que se solicitou que se poida traer directamente á Península o produto, ao non poder estar meses parado en porto esperando o seu envío. 

A pesar de que en abril o Estado español instou á Comisión Europea para que buscase unha solución que permita a continuidade da actividade da frota en Bissau, aaínda agora non se resolveu a ratificación e os barcos terán que saír desas augas.