Mar

Os barcos galegos abandonarán o caladoiro de Guinea Bissau o 15 de xuño se non se ratifica o acordo con Bruxelas

O caladoiro de Guinea Bissau está "en moi malas condicións" debido á "sobreexplotación". (Foto: Nós Diario)
Ante esta situación, os produtores esperan que "cedo" chegue unha solución que lles dea alternativas. En caso contrario, piden ao Goberno español axudas por "obriga de parada".

Os barcos galegos —e de todo o Estado español— que operan en Guinea Bissau estarán obrigados a abandonar o caladoiro a partir do vindeiro 15 de xuño se non se ratifica o acordo entre o devandito país africano e Bruxelas, debido a que o actual tratado pesqueiro finaliza ese día. Fontes do sector citadas pola axencia Europa Press lamentan que quedan pouco máis de dez días para que expire o marco vixente e aínda non se asinou un novo documento. A pesar de que xa existe acordo entre ambas as partes, falta que o asine a Unión Europea.

Isto preocupa aos produtores galegos, que dan por feito que non chegará a tempo e terán que saír de augas de Bissau. Por iso pediron unha prórroga do actual tratado, que polo de agora non foi concedida. "É un tema moi complicado. O acordo finaliza o 15 de xuño. Xa chegaron a un novo acordo, pero necesita ser ratificado por Europa para que entre en vigor", alertou o presidente da Asociación Nacional de Buques Conxeladores de Pesca de Cefalópodos (Anacef), Francisco Freire, que explica que o contexto das eleccións europeas non axuda a esta situación.

A pesar de todo, recoñeceu que o caladoiro de Guinea Bissau está "en moi malas condicións" debido á "sobreexplotación". Así, concretou que xa case non hai pescada e hai "moi pouco xurelo", que adoitaba capturarse nos meses de primavera. "Os nosos barcos alí non son rendíbeis", engadiu.

Freire precisou que os catro arrastreiros conxeladores da súa asociación que operan en Bissau pertencen a empresas galegas. Ademais, hai máis buques do Estado español presentes na zona que capturan outro tipo de peixes, como atuneiros da zona de Huelva. Para Anacef, a alternativa pasa por desprazarse a Senegal ou a Mauritania, outros dos países cos que a Unión Europea ten tratado de pesca e onde xa adoitan operar alí estes barcos.

Con todo, no primeiro caso, estase nun "momento complicado", debido á 'tarxeta amarela' imposta por Bruxelas ao país pola súa laxitude contra a pesca ilegal. Após varios meses de pedir permisos para poder pescar nas súas augas, os barcos galegos aínda non recibiron o visto e prace.

Aliás, en Mauritania o acordo coa UE contempla a descarga do peixe en portos do país africano. Antes había un roteiro regular que transportaba frecuentemente os contedores até Canarias e, de aí, á Galiza. Ese roteiro cortouse o ano pasado, polo que se solicitou que se poida traer directamente á península o produto, porque non pode estar meses parado en porto esperando o seu envío.

Ante esta situación, os produtores esperan que "cedo" chegue unha solución que lles dea alternativas. En caso contrario, piden ao Goberno español axudas por "obriga de parada", xa que a partir do 15 de xuño é probábel que, de non moverse as fichas, teñan que regresar a porto.