BBVA propón unha fusión por absorción de Banco Sabadell: estas son as claves da operación

Oficina principal do BBVA na Coruña, sede da territorial Noroeste (Foto: Xoán Roberes).
A integración de BBVA e Sabadell pasaría a ser o segundo maior grupo bancario na Galiza.

BBVA propón unha fusión por absorción de Banco Sabadell cun troco dunha acción de nova emisión de BBVA por cada 4,83 accións de Banco Sabadell, o que supón unha prima de 30%, asumindo que non se realizarían reparticións de dividendos, reservas ou calquera outras distribucións por parte de ningunha das sociedades aos seus respectivos accionistas.

O banco comunicou esta terza feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a proposta enviada ao Consello de Administración do Sabadell na que recolle a oferta da potencial operación de fusión entre ambas as entidades.

A entidade resultante tería unha das súas sedes operativas en Catalunya e o Sabadell contaría con tres conselleiros, un deles vicepresidente. A denominación social e marca serían as de BBVA, aínda que se podería manter a utilización de marca Banco Sabadell.

En canto a posíbeis axustes de persoal, a entidade indica que "na integración dúas persoais respectaríanse en todo caso os principios de competencia profesional e mérito, sen a adopción de medidas traumáticas".

BBVA e Sabadell tentan de novo unha fusión que naufragou en 2020 e que agora podería xerar un xigante bancario con máis dun billón en activos, 41.000 empregados e empregadas no Estado e ao redor de 18 millóns de persoas usuarias.

Segundo grupo bancario na Galiza

A integración de BBVA e Sabadell pasaría a ser o segundo maior grupo bancario na Galiza, só por detrás de Abanca (que ten 435 sucursais). O número de traballadores e traballadoras que suman entre as dúas entidades financeiras que agora avalían a súa unión supera lixeiramente os 1.000, en concreto, 1.084.

A nova entidade contaría non conxunto do territorio galego cun total de 182 oficinas, superando así as ao redor de 150 que posúen Santander e Caixabank no país. Destas 182 oficinas, o Sabadell achegaría 65, mentres que BBVA dispón das outras 118.